Rajoy bota flores a Caballero despois da enquisa de Sondaxe

s. antón VIGO / LA VOZ

VIGO CIDADE

Óscar Vázquez

Aproveitou a presenza do presidente da FEMP para encomiar o papel dos concellos no control de déficit

22 may 2018 . Actualizado ás 12:28 h.

O presidente do Goberno, Mariano Rajoy, non aforrou eloxios a Vigo co gallo de a visita que onte fixo á cidade para intervir na asemblea do Círculo de Empresarios de Galicia. «É un lugar de oportunidades, puxante en moitos sectores, dinámico e cun carácter aberto». Fíxoo en presenza do alcalde, Abel Caballero, que tamén asistiu á cita, ao que na súa calidade de presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) recoñeceulle o papel dos concellos no control do déficit. «Foi un factor determinante á hora de conseguir a recuperación económica e a volta ao crecemento e a creación de emprego», asegurou

O agradecemento de Rajoy personificado en Caballero produciuse apenas 48 horas despois de facerse pública a enquisa de Sondaxe para La Voz de Galicia, segundo a cal o rexedor vigués non só revalidaría hoxe a súa maioría absoluta, senón que incrementaría en 3 puntos a porcentaxe de votos. Pola contra, o manco do PP acentuaríase cunha redución de 5 puntos en votos, a perda de ata dous concelleiros e a posibilidade de ter que ceder a Marea a hexemonía na oposición. A tenor dos datos da enquisa, os sufraxios que perden os populares non irían parar a Cidadáns, senón que llos repartirían todos os competidores.

Cabe lembrar que Caballero foi especialmente belixerante coa pretensión de Montoro de impedir aos municipios investir o superávit. O ministro rematou dando o brazo a torcer ante os argumentos da FEMP. A Elena Muñoz, tamén presente, non a mencionou.

Mariano Rajoy aproveitou o escenario para facer un repaso das obras realizadas na cidade durante o seu mandato -ampliación do aeroporto de Peinador, estación subterránea de Urzaiz, velocidade alta Vigo-A Coruña, ampliación da ponte de Rande e depuradora-, e para comprometerse a iniciar outras de forma inmediata. Entre estas citou a construción do tramo de autovía entre Vigo e O Porriño, que conta cun investimento estimado de 337 millóns de euros ao amparo do plan extraordinario de estradas. «Tamén seguiremos traballando para impulsar a tramitación que mellore a alta velocidade entre Vigo e Cerdedo», dixo. Neste caso non achegou dato algún sobre datas ou cantidades.

Precisamente tanto o novo tramo de autovía como a chegada da alta velocidade por Cerdedo son dúas das demandas máis veces reclamadas nos últimos anos polos empresarios vigueses, que denuncian que os continuos atrasos no cumprimento de prazos fanlles perder competitividade cos seus competidores. Especialmente sanguento, sosteñen, é o caso da autovía, en «obras interminables» desde hai meses, o que obriga a reducir a velocidade a 60 quilómetros por hora nun viario no que xa é de seu lenta en comparación con calquera outra autovía do Estado. Unha queixa engadida, especialmente dos empresarios de transportes é que, á vez que perden hai que sumar o gasto engadido en multas.