
O Concello acusa á Xunta de inacción
03 dic 2024 . Actualizado á 05:00 h.Redondela demanda unha «xestión directa» da Illa de San Simón ante a «inacción» da Xunta de Galicia. A concelleira de Turismo, Rita Pérez, expresou o «profundo malestar» que existe entre os axentes turísticos e no goberno local, xa que desde que a illa pasou a formar parte da Fundación Museo do Mar de Galicia «os trámites para solicitar visitas complicáronse e demóranse semanas».
Pérez reuniuse onte con empresarios do sector para valorar o potencial do turismo cultural de Redondela, onde coincidiron no «gran potencial» da enseada e da Illa de San Simón, sendo «a gran xoia de Redondela e de toda a ría de Vigo», polo que «hai que pola en valor». O Concello sostén que o principal problema é a «complexidade» para poder xestionar visitas á illa, despois de que en 2022 pasase a formar parte da Fundación. «Desde entón, os trámites complicáronse e demóranse durante semanas», insistiu Pérez, expresando o «profundo malestar» do sector, que ten «moitas dificultades» para organizar actividades alí.