Redondela vivirá do 13 ao 19 de maio o seu festival internacional de monicreques

La Voz REDONDELA / LA VOZ

REDONDELA

Haberá máis de setenta actividades relacionadas co xénero

07 may 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Do 13 ao 19 de maio, Redondela desenvolverá a edición 25 do Festival Internacional de Monicreques Memorial Juanjo Amoedo. O programa recolle a presenza de máis de setenta actividades realizadas por vinte e oito compañas de ámbito internacional, como a do arxentino Sergio Mercurio ou a salmantina A Chana Teatro, gañadora no 2023 do Premio Mar ao mellor espectáculo para público familiar.

Este ano, o festival realizará a programación de sala con carácter familiar de luns a xoves, mentres que os espectáculos para adolescentes e adultos serán a fin de semana. Ademais desta programación de sala e das funcións escolares, durante a fin de semana o teatro e a música tomará as rúas da man de compañas como Xirapaus, Monicreques Alakrán, Mircromina, Trécola, Viravolta, Paporrubio, Tanxarina, Mutis Teatro, O Espello Negro, Rui Sousa, de Portugal e Grupo Saltimbanqui.

Na presentación do programa participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil. Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura lembrou que a mostra redondelana conta cunha subvención da Xunta de Galicia a través da convocatoria anual para festivais de artes escénicas. Esta liña de axudas dispón dunha dotación de 280.000 euros, ao redor dun 30 % máis que no 2023.