Redondela expón ao público o seu novo Plan Xeral de Ordenación Municipal

La Voz REDONDELA

REDONDELA

M. MORALEJO

O goberno local deseña charlas en todas as parroquias tras a publicación do documento aprobado inicialmente no Diario Oficial de Galicia

20 mares 2024 . Actualizado ás 16:05 h.

O Plan Xeral de Ordenación Municipal que o pleno de Redondela aprobou de xeito inicial hai unhas semanas pode xa consultarse na web do Concello e, desde este xoves ábrese o prazo de exposición pública no que se poderán presentar as alegacións que se estimen oportunas tras a publicación no Diario Oficial de Galicia. O prazo que establece a normativa é de dous meses, pero o goberno local decidiu amplialo a tres «para favorecer que toda a veciñanza teña tempo de estudalo, saber como lle vai afectar e facer as alegacións que estime oportunas», manifestou a alcaldesa, Digna Rivas.

Os veciños que queiran coñecer o documento poden consultalo na Oficina de Turismo, na rúa Isidoro Queimaliños, entre as 8.30 e as 14.30 horas, de luns a venres. Durante estes tres próximos meses, contarán tamén co apoio dos técnicos municipais para asesoralos sobre calquera dúbida. Tamén arrincan as reunións informativas en todas as parroquias co equipo redactor do plan «para resolver as dúbidas e inquedanzas da cidadanía». Empezan o 9 de abril no centro cultural de Saxamonde e o día seguinte en Quintela. Todas as reunións se realizarán en horario de 17 a 19 horas.