O catastro endósalle un campo de fútbol á asociación veciñal de Chapela e esíxelle 25.000 euros en impostos

Monica Torres
M.Torres REDONDELA

REDONDELA

Marta G. Brea

Adxudícalle ata unha trintena de propiedades

05 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Á asociación de veciños de Chapela tocoulle un campo de fútbol, unhas bancadas, un par de taludes e ata unha trintena de propiedades, incluíndo casas abandonadas e leiras. Eles non teñen nin local propio, pero o catastro adxudícalle un total de 35 propiedades xa que a súa CIF aparece como o dos titulares. A insólita situación fai que se lle reclamen, a día de hoxe, máis de 25.000 euros en concepto de Imposto de Bens e Inmobles, explica a secretaria e tesoureira da asociación, Anxos Méndez.

A Policía Autonómica mandoulles un requirimento en abril do 2017 para que limpasen un vertedoiro incontrolado de residuos nunha zona que nin sequera pertence ao termo municipal da súa parroquia. «É unha leira de 5.000 metros cadrados situada en Trasmañó, pero ante o requirimento limpámola», lembra Anxos Méndez. Antes de facelo foron ao Concello de Redondela e á oficina municipal de recadación «e confirmáronnos que figurabamos como propietarios no catastro, sen razoamento posible de ningún tipo».

Desde setembro do 2017 son, ademais, donos do campo de fútbol de Chapela. «Ata entón era propiedade do Concello pero aparece o noso CIF como titular desde esa data e, só polo campo reclámannos 13.011 euros, aínda que tamén nos endosan as bancadas e o seu correspondente impostos», sinala Anxos Méndez. En marzo do ano pasado chegoulles unha nova notificación. Esta vez da Axencia Tributaria en concepto de taxa de regularización catastral. «Con recarga e, por importe de 72 euros, fíxose efectiva por embargo, con cargo na conta da asociación de veciños. De novo en agosto embargaron outros 72 euros polo mesmo concepto e sen notificación previa», explica a asociación.

Os veciños acudiron entón a recadación do catastro do Concello de Redondela e alí informáronlles que figuraban oito propiedades ao seu nome. «Como non saïamos do noso asombro, fomos ao catastro de Vigo para presentar un recurso explicando que debía ter habido un erro na revisión catastral e pediamos a baixa de todas as propiedades», lembran. O susto foi aínda maior, porque no rexistro vigués, informáronlles de que realmente ascendían a 35 as propiedades ao seu nome.

Crían ter resolto o problema co recurso, pero acaban de recibir unha carta de Facenda informándolles de que non o admiten «porque non achegan documentación que acredite a identidade do representante». Coa mesma, á asociación veciñal chegáronlles «unha chea» de notificacións para liquidar o IBI de todo desde o ano 2014.