Vinte e nove alfombras engalanan Ponteareas na súa festa de Corpus

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

PONTEAREAS

É a primeira celebración tras ser declarada pola Xunta como ben de interese cultural

04 jun 2024 . Actualizado á 00:54 h.

Ponteareas luciu brillante para celebrar a festa do Corpus Christi. As súas rúas foron invadidas, de forma efémera, polo colorido das miles de flores, matas e arbustos utilizados polos veciños e veciñas na conformación das vinte e nove alfombras florais que trazaron un percorrido polo que transcorreu a procesión presidida pola custodia. Unha vez máis, a poboación ponteareá cumpriu cunha tradición que ten os seus primeiros rexistros oficiais en 1857, pero que probablemente sexa máis antiga.

Este anos, o Corpus máis prestixioso de Galicia luciu outro título no seu currículo xa que foi distinguido recentemente coa categoría de ben de interese cultural. E o ano próximo aínda podería ascender un último banzo, aínda que nesa ocasión dun xeito conxunto. A Unesco decidirá no 2025 se a arte floral será declarada como patrimonio cultural inmaterial da humanidade.

Os actos oficiais comezaron coa recepción de autoridades na casa do Concello e posterior misa solemne cantada. Ao seu termo, a alcaldesa Nava Castro e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, recibiron a partitura orixinal da Marcha Procesional de Corpus Christi de Ponteareas, composta ex profeso por Xosé Luis Foxo, director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, agrupación que interpretou a peza con deuna comezo a procesión.

Presenza exterior

A custodia do Corpus Christi percorreu preto de 1,5 quilómetros polas rúas e prazas tapizadas con alfombras florais de vistosos deseños, acompañada pola Banda Cristo da Victoria de León. Ao seu paso, a custodia foi recibida coa tradicional choiva de pétalos de flores lanzados desde os balcóns, decorados para a ocasión.

Este ano estiveron presentes delegacións de localidades con esta mesma tradición, que elaboraron as súas propias alfombras. Houbo presenza de La Orotava, coidade hermanada con Ponteareas desde 1983, as cidades portuguesas de Monçao, Viana do Castelo e Caminha, e a alemá de Offenburg- Bohlsbach, que realizou a súa primeira visita a Ponteareas.

Se hoxe, Ponteareas viviu unha xornada de celebración cara ao exterior, mañá luns, que é festivo local, terá lugar un acto máis de celebración dos propios protagonistas, as persoas que confeccionan as alfombras florais. Ás 19.30 horas terá lugar a ofrenda floral aos alfombristas falecidos ante o monumento ao alfombrista. Despois, no Auditorio Reveriano Soutullo, desenvolverase o acto de imposición das medallas do Corpus Christi. Será un acto no que ofrecerá un concerto o cantautor berciano Amancio Prada.

A poboación infantil terá pola mañá o seu espazo de lecer e diversión na praza Bugallal, e, pola tarde, diante da casa do concello. Xa a partir das 22.00 horas comezará unha verbena amenizada polO Combo Dominicano.