O deseño floral toma as rúas de Ponteareas

La Voz VIGO

PONTEAREAS

Xoán Carlos Gil

A procesión pasará ás 12.30 horas polas alfombras confeccionadas onte á noite

02 jun 2024 . Actualizado á 05:00 h.

Ponteareas é a referencia da arte floral ligada á festividade do Corpus Christi. A festa, baseada na irmandade dos veciños da vila, ha acadando todos os recoñecementos en España e agora tamén é de interese turístico internacional. Ademais, acadou a categoría de ben de interese cultural. Así que hoxe é o día de pasear polas súas rúas e contemplar os deseños florais realizados a pasada madrugada. Para quen descoñeza esta celebración, debe ter en conta que se trata de arte efémera que desaparecerá ao paso da procesión, e esta comeza ás 12.30 horas.

Os actos oficiais comezarán ás 10.30 horas coa tradicional recepción de invitados na casa do concello. Alí estará a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense para dar a nota musical.

A igrexa de San Miguel acollerá a misa maior, ás 11.30 horas, que será cantada pola Coral do Centro Artístico Sportivo. Ao finalizar a mesma comezará a procesión polas rúas, todas adornadas coas alfombras de flores. É o momento culminante e que dá sentido as semanas de traballo colectivo en cada unha das rúas. O proceso de confección das alfombras non se cingue á noite anterior á procesión. Os veciños organízase para recoller nos campos e montes próximos todos os elementos que van necesitar. Todos son clasificados. Ao mesmo tempo, outros deseñan sobre o papel o trazado da alfombra. E finalmente, están as persoas que plasman todo o traballo. Por iso, cando pasa a custodia, os alfombristas énchense de emoción.

A festa en Ponteareas continuará pola tarde, xa que mañá é festivo local. Ás 19.00 horas sairá o desfile de carrozas, no que se realizará unha batalla de flores.

E a partir das 22.00 horas haberá baile. Na praza Maior estará a amenizar a noite a Orquestra Assia, mentres que na praza Bugallal, desde as 23.00 horas, estará a Orquestra Galilea. Pouco antes das doce da noite haberá un lanzamento de fogos artificiais. Mañá, ás 20.30 horas, o Auditorio Reveriano Soutullo acollerá a entrega de medallas aos alfombristas. No acto, cantará Amancio Prada.