A oposición de Ponteareas deixa en evidencia a minoría de Nava Castro

Luis Carlos Llera Llorente
luís carlos llera PONTEAREAS / LA VOZ

PONTEAREAS

Nava Castro (PP).
Nava Castro (PP). XOAN CARLOS GIL

Tras o bloqueo do aumento de soldos que pretendía, a alcaldesa tampouco logra prorrogar por cinco anos o contrato da piscina e un pavillón

05 sep 2023 . Actualizado á 05:00 h.

A oposición de Ponteareas tombou a posibilidade dun novo contrato da piscina municipal e o pavillón, deixando outra vez en evidencia a minoría de goberno encabezado pola alcaldesa Nava Castro, cos seis concelleiros do Partido Popular e o apoio do edil de Domingos Freitas, de Independentes de Ponteareas.

Os oito membros do goberno local volveron a perder fronte aos trece da oposición, formada por catro edís de Alternativa Cidadá de Ponteareas (ACIP); os seis do BNG, os dous do PSOE e un de Ponteareas en Común. Aínda que o Bloque se abstivo na votación para aprobar a urxencia de renovar o contrato, o goberno municipal non tivo maioría para sacar adiante a renovación da concesión da piscina e un pavillón a unha empresa privada, Insdega. A concesión actual é do 2011 e o contrato en vigor finaliza no 2027. Con todo, o goberno local quería prorrogar a concesión catro anos antes de que este finalizase.

O concelleiro portavoz de Alternativa Cidadá de Ponteareas (ACIP), Juan Carlos Rodríguez Carrera, sinala que «tiñan que negociar antes coa oposición e falar coa empresa para ver que condicións do contrato hai que cumprir». O portavoz sinala que votaron en contra da urxencia de levar o asunto a pleno porque «todo foi precipitado, a cen». «Ten unha minoría preocupante, pensan que poden tirar cara adiante sen negociar coa oposición», asegura. A defensa da prórroga fíxoa o concelleiro Francisco José Represas. Xustificouno sinalando que a nova concesión remataría no 2032 e sería unha oportunidade para que os clubs que usan o pavillón non tivesen que pagar por iso.

O portavoz do PSOE, Vanesa Fernández, di que o PP quixo levar o tema ao pleno como un asunto urxente e non había necesidade desa urxencia. Sostén que «o asunto debe ser levado a concurso público» cando se achegue a data de resolución do contrato actual. «Se falta un vixiante, que o Concello o contrate, pero que non se prorrogue o convenio», sinala. De feito, o pasado 31 de agosto a alcaldesa Nava Castro asinou a contratación dun conserxe para o pavillón, un recinto deportivo que está situado xunto á piscina municipal nos arredores da vila, camiño de Mondariz-Balneario. Fernández sinala que está a favor de que algúns clubs non paguen polo uso do pavillón, pero advirte que non por iso hai que prorrogar a concesión cinco anos máis.

O BNG abstívose no tema porque estivo a gobernar anteriormente e Ponteareas en Común posicionouse en contra.

É o segundo revés serio para Nava Castro. ACIP e os restantes partidos da oposición xa tombaron a subida de soldos que quería aprobar a alcaldesa popular, que seguirá cobrando esta lexislatura os 45.000 euros que recibía a anterior rexedora do Bloque.