Martínez e Buceta levan a travesía de Vilagarcía

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

PONTEAREAS

ADRIÁN BAÚLDE

A proba reina masculina dirimiuse nun emocionante esprint

22 jul 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A trixésimo sétima Travesía a nado do Porto de Vilagarcía completouse na mañá do domingo con Miguel Martínez (R.C.N. Vigo) e Ana Buceta (C.N. Ponteareas) como gañadores da proba reina, a que cubría os 2.500 metros formados polo perímetro do triángulo con saída e chegada ao porto de pasaxeiros da capital arousá.

Se o de Buceta resultou un paseo triunfal, vencedora en 34.21 con Patricia González, do organizador C.N. Vilagarcía, e a santiaguesa Ana Cotos completando o podio feminino en dura pugna polo segundo posto en 37.19 e 37.20; a proba masculina deparou un emocionante duelo pechado polo triunfo entre Miguel Martínez e Lucas Costa (C.N. Ponteareas). Tras vixiarse durante toda a proba, ambos protagonizaron un esprint ao entrar na dársena que fixo as delicias dos afeccionados, que puideron seguir toda a travesía desde terra. Marcos Martínez (C.N. Ponteareas) foi o terceiro en discordia, xa un minuto despois dos coprotagonistas. Pedro Pablo Bernárdez Ferreirós (Atenas Running, 35.10), cuarto en Master2, e Ángela María López Fernández (C.N. Vilagarcía, 39.57) marcaron os mellores tempos entre os atletas vilagarciáns.

Polo que respecta á proba de 1.200 metros, Francisco Cobelo (C.N. Ponteareas, 16.40) e Paula Marcos (C.N. Escualos, 19.42) non atoparon rival.

Puntuable para o Circuíto Galego de Augas Abertas, a Travesía a nado do Porto de Vilagarcía contou finalmente con 215 nadadores nas súas liñas de saída, con 13 baixas entre os inscritos.