Lo sentimos, no hemos podido atender su petición.
La Voz de Galicia
Lo sentimos, no hemos podido atender su petición.

A carreira que divide aos veciños de Camos e Chandebrito en Nigrán

Pedro Rodríguez Villar
pedro rodríguez NIGRÁN / LA VOZ

NIGRÁN

Víctor Manuel Vidal, de Chandebrito.
Víctor Manuel Vidal, de Chandebrito. XOÁN CARLOS GIL

Ambas as parroquias atribúense a vitoria da competición do Outeiro do Gañador

01 jun 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Os veciños de Chandebrito e Camos, dúas parroquias de Nigrán, non se pon de acordo co desenlace dunha carreira entre as dúas parroquias. Ambos os lados atribúense a vitoria. A competición enfrontou ao máis rápido contra o máis forte e rematou no que se coñece hoxe como Outeiro do Gañador, un topónimo que xa deixa entrever que aí se esconde unha lenda. Conta o presidente da comunidade de montes de Chandebrito, Víctor Manuel Vidal, que «estas parroquias non sempre foron dúas». Chandebrito era un barrio de Camos, que era a que contaba con igrexa. Nos enterros, os veciños tiñan que descender do alto do monte a través do carreiro de Vos Matos, á beira do río Táboas, cos cadaleitos ao lombo. Tamén din os veciños que o topónimo do río pode ter relación coa caída de ningún destes féretros á auga.

O traxecto facíase moi longo e incómodo e, por iso, os veciños de Chandebrito independizáronse de Camos ao principio do século XIX. A separación tamén provocou un novo conflito. «No chamado Turreiro de Sanomedio», no punto máis alto da parroquia de Chandebrito, había unha capela na que se veneraba unha figura que reivindicaban as dúas parroquias. «Os de Camos querían levala a Santa Eulalia e os de Chandebrito a San Xosé», indica Víctor. Así comezou o conflito que deu orixe á carreira e ao debate que aínda existe hoxe en día.

«Despois dun tempo discutindo para saber a quen lle pertencía a reliquia, un veciño, non sabemos de que parroquia, tivo a idea de que o problema se solucionara cunha carreira. Dúas persoas, unha de cada parte, terían que subir ao alto do Monte Sanomedio, coller a imaxe da capela e, quen chegara primeiro con ela ao tal Outeiro, levaría a imaxe para súa igrexa parroquial», continúa Víctor. Aquí está a primeira discrepancia. «O que se xogaban era o traslado da propia capela», contesta Juan Vázquez, veciño de Camos.

Juan Vázquez, de Camos.
Juan Vázquez, de Camos. Óscar Vázquez

Unha vez exposta a carreira, aínda que ambas as parroquias difiran do premio final, había que buscar aos corredores. «Daquela, ao igual que hoxe, Camos xa contaba cunha poboación de tres veces máis veciños que Chandebrito. Esta vantaxe foi utilizada por Camos para por na liña de saída a un veciño coñecido por ser moi bo corredor», conta Víctor. En Chandebrito non tiñan a ninguén que puidese competir con el en velocidade polo que decidiron «colocar na liña de saída a un competidor menos atleta pero máis corpulento, un canteiro de pro dos que fendían a puños as pedras no monte», continúa.

Chegou o día da carreira e, ao pouco de saír, o veciño de Camos xa ía na cabeza. «Así que o que fixo o candidato de Chandebrito foi agardar por el por onde está o Outeiro dos Aforcados e, cando o corredor chegou ata onde estaba, apareceulle no camiño», continúa Víctor. Aquí, de novo, hai varias versións. «En Chandebrito hai os que din que lle deu algún sopapo para quitarlle a reliquia e os que contan que só o atemorizou. Este colleuna e levouna ata o Outeiro do Gañador vencendo a carreira. Por iso, hoxe, temos nós a estatuíña do Sanomedio», indica Víctor, que lembra que, despois, en Camos fixeron unha copia que agora teñen en Santa Eulalia.

«Non foi así», contesta Juan. «De ser certo o que contan, a competición non foi xusta para nada, polo que o comité de competición daría por nula ou darían por gañador ao de Camos», indica. El defende que foi o seu candidato o que chegou antes ao Outeiro do Gañador. «O feito incontestable é que esa competición a gañou o de Camos e que as pedras de aquela capela foron usadas para facer a de San Roque de Camos», conclúe. Tamén deixa entrever que a reliquia de Sanomedio está en Chandebrito por algún que outro motivo.

Víctor coincide con Juan de que a pedra da capela foi usada para construír a capela de San Roque de Camos aínda que, engade, tamén se destinou parte «a algunhas casas de Chandebrito». E insiste: «Os gañadores sen dúbida foron os de Chandebrito. Por iso, o Outeiro do Gañador está na nosa parroquia».

Ambos os veciños coinciden, iso si, na importancia de manter viva unha lenda que, á súa vez, tamén os une. «Eso si, o ambiente que temos agora é de irmandade», gabia Víctor cun sorriso.