Nigrán ofrece ata 13.000 euros por un «leirapárking» no centro urbano

Monica Torres
Mónica Torres NIGRÁN

NIGRÁN

cedida

O Concello convoca un concurso para poder habilitar 120 prazas de aparcadoiro

25 abr 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Nigrán busca un novo leirapárking gratuíto no centro urbano que se some ao situado desde o ano pasado en 1.200 metros cadrados de terreo municipal na rúa Vilameán. Onte publicouse en Sede electrónica o decreto coas bases do concurso público para adxudicar un contrato privado de arrendamento dunha parcela situada a non máis de 250 metros da Casa Consistorial. O procedemento, en aras da máxima transparencia e legalidade, é o mesmo que se seguiu no ano 2020 para alugar o da rúa Torriña (funcionou ata 2023, rexeitando a propiedade a prórroga). Os pregos novamente esixen que se sitúe a un radio de 250 metros do Concello, que teña un mínimo de 2.000 metros cadrados de superficie e sobe o prezo máximo aos 3,60 euros o metro Os interesados que cumpran os requirimentos esixidos nas bases dispoñen ata o 16 de maio inclusive para presentar as súas ofertas, priorizándose na adxudicación a mellor rebaixa económica e a distancia con respecto ao Consistorio.

«O obxectivo é contar antes do verán cun segundo espazo de estacionamento gratuíto que facilite á veciñanza acudir ao centro de Nigrán a facer recados, de lecer ou de compras; é algo que favorece a vida diaria da xente, beneficia ao comercio e hostalaría e anima a deixar o coche nun punto e e botarse a camiñar», indica o alcalde, Juan González, quen estima en que se gañarán un mínimo de 120 prazas que se suman ás preto de 100 da rúa Vilameán, tamén a menos de 250 metros de o  Concello.

As características establecidas para esta parcela mantéñense iguais que no 2020 coa excepción dun aumento do prezo máximo do arrendamento, que pasa de 2,58 a 3,60 o metro cadrado (suma un máximo de 13.068 euros incluíndo IVE). Así, figura novamente como imprescindible, debe situarse nun radio de 250 metros medidos ata a Casa Consistorial; acceso por viario público asfaltado e con iluminación pública e fronte mínima de 5 metros; topografía eminentemente chaira; chan rústico ou apto para desenvolver. Valórase, ademais da mellora económica e a distancia, a posibilidade de que a parcela poida ter máis dunha saída independente. Finalmente, o contrato será renovable anualmente ata un máximo de 4 anos.

Con este alugueiro, sumado ao leirapárking xa existente na rúa Vilameán, o goberno local outorgaría ao centro do municipio dunha capacidade de aparcadoiro tal que nutriría mesmo as necesidades do verán, cando se multiplica a poboación. A maiores, e ademais da liña de autobús intramunicipal Nigranbús, compre lembrar que na Ramallosa, o outro gran centro urbano do municipio, o Concello mantén desde 2022 operativo un aparcadoiro 100 % públicos e gratuíto cunha media de uso de 600 vehículos diarios.