A recuperación do faro de Nigrán para usos recreativos custará 237.000 euros

Monica Torres
m.torres NIGRÁN / LA VOZ

NIGRÁN

CEDIDA

Sae a licitación o proxecto do arquitecto Severo Fernández

17 abr 2024 . Actualizado á 08:44 h.

A recuperación do faro de Praia América, en Nigrán, está máis preto. O Concello sacou a licitación o proxecto para darlle usos recreativos. A posta en valor da instalación, que se abriu en abril do 2007 e cuxa planta baixa nunca tivo uso (salvo unha exposición do Instituto de Estudos Miñoranos no 2011) custará algo máis de 237.000 euros. Máis da metade do diñeiro sairá dos fondos Next Generation.

As empresas interesadas terán ata o 6 de maio a medianoite para a presentación de ofertas. As obras deberán executarse nun prazo máximo de seis meses desde que se asine o contrato. Terán que axustarse ao proxecto elaborado polo arquitecto local Severo Fernández, que aprobou o Concello en novembro tras obter o visto e prace da Autoridade Portuaria de Vigo.

O obxectivo é reformar toda a planta baixa do inmoble para transformalo nun local recreativo de uso polivalente, con actividades durante todo o ano. A actuación non afectará á estrutura do faro, que segue en activo e cumprindo a súa función. O proxecto prevé habilitar un espazo amplo, perfectamente illado e iluminado, con dous baños adaptados, un almacén e un cuarto de instalacións. A superficie é de 162,75 metros cadrados. Tamén se mellorarán os acabados exteriores, substituirase toda a carpintería e limparase toda a pedra, quitando as pintadas. O faro, cheo de grafitis, converteuse nun símbolo do feísmo.