O paseo da Madorra segue pechado por risco de máis afundimentos

l.c. llera NIGRÁN / LA VOZ

NIGRÁN

Óscar Vázquez

A Deputación reconstruirá o tramo de 150 metros esnaquizado polo temporal

16 novs 2023 . Actualizado ás 12:31 h.

A Deputación de Pontevedra asumirá a reconstrución do paseo afundido na praia da Madorra, en Nigrán. Os últimos temporais que coincidiron coa marea alta a pasada fin de semana perforaron boa parte do viario sen que houbese danos persoais. Pero xerouse unha situación de risco porque o paseo, que pertence á rede de estradas provinciais, é habitualmente moi transitado. Por iso valouse toda a zona nunha superficie duns 150 metros cadrados nos que están incluídos un dos carrís de circulación en dirección a Panxón e a tarima de madeira que permite pasar aos peóns contemplando de preto o mar. Ao quedar só un carril aberto, a circulación hase regulado provisionalmente mediante semáforos que abren e pechan o único paso dispoñible.

Mariñeiros da zona sinalaron que o día do afundimento o mar golpeou con moita forza provocando cuantiosos danos nese lugar. O Concello descoñece canto vai custar a reparación que vai ser acometida por unha brigada de obras da Deputación, que ten moito traballo por diante debido aos estragos provocados polo temporal en toda a provincia. Nigrán foi especialmente castigado e houbo que desaloxar catro vivendas xunto ao río Muiños.