Tecnoloxía lalinense para o frigorífico de Mos que conxela atún a 50 baixo cero

Rocío Perez Ramos
R. Ramos LALÍN / LA VOZ

MOS

cedida

18 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O venres, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitaba as instalacións frigoríficas de Irmáns Fernández Ibáñez, en Mos dotado dunha tecnoloxía innovadora deseñada e executada pola empresa lalinense Megodeza e onde se conxela o atún do Índico a unha temperatura por baixo dos 50 graos centígrados baixo cero. Ramiro Mejuto explicaba onte que «empleámonos a fondo, porque fixemos algo que non se coñece, é algo que nunca se fixo, unha instalación de nunca se realizou unha cámara de tan baixa temperatura utilizando como refrixerante un gas natural que e o amoníaco». Megodeza deseñou o sistema para este proxecto en concreto. «Pedíronnos -50 grados e conseguimos -54, lle deixamos hai unha reserviña».

O proxecto global, explica Mejuto, «foi a 12 millóns de euros». Megodeza encargouse de realizar todas as instalacións técnicas, excepto a obra civil: todo o equipamento, as instalacións eléctricas e de climatización, cámaras e salas de elaboración e todo o que implica. A obra finalizouse no 2019 hai un ano. Ao comezo da pandemia, explica Mejuto, estaban a acabarse os traballos «e aínda complicou un pouco a pandemia».

Na súa visita a este frigorífico de 12.000 metros cadrados, Rosa Quintana destacou a importancia de contar cunhas instalacións innovadoras e enxalzou o papel que desempeñou esta planta de frío e elaboración de produtos do mar durante varios meses da pandemia. É a primeira deste tipo en Galicia e as máis innovadora de España. A conxelación, a 50 graos baixo cero permite manter o produto ultracongelado, en particular atún procedente do Índico con todas as súas propiedades organolépticas desde a súa recepción ata a súa distribución. O proxecto recibiu 5,3 millóns de euros da Xunta.