O BNG impulsa un consorcio para que Mondariz e Mondariz-Balneario teñan servizos comúns

MONDARIZ-BALNEARIO

cedida

A chegada dos nacionalistas ao poder na vila termal, tras catro décadas de goberno popular, favorece a coordinación na depuradoción de augas, a recollida de lixos e a gardería infantil

16 jun 2023 . Actualizado á 13:20 h.

O BNG de Mondariz e Mondariz-Balneario queren un consorcio de servizos para os dous municipios co obxectivo de que funcionen mellor a estación depuradora de augas residuais, o punto limpo e a gardería infantil que ambos comparten. E que xestione a recollida e reciclaxe de lixos, que funcionan por separado,

O Bloque de ambos os municipios tivo unha reunión para valorar a nova etapa que se presenta, coa chegada do nacionalista César Gil á alcaldía de Mondariz-Balneario despois de catro décadas de maioría absoluta de José Antonio Lorenzo, e a oportunidade que supón este histórico cambio político para avanzar na estratexia de colaboración intermunicipal e solucionar definitivamente os problemas da depuración de augas residuais. «Con José Antonio Lorenzo atopábamos con moitas dificultades», sinala Xosé Emilio Barros exalcalde nacionalista de Mondariz. Matizou que isto non é un primeiro paso para unha hipotética fusión dos dous concellos, que debería abordarse noutros estamentos superiores e que está descartada por agora.

O encontro entre Xosé Emilio Barros, César Gil e outros representantes do BNG de Mondariz e Mondariz-Balneario serviu para repasar a folla de ruta que comparte a formación política nos dous concellos. Crearán un grupo de coordinación que se reúna periodicamente para establecer as prioridades na acción entre as dúas localidades.

Desde a súa inauguración hai máis de 15 anos a EDAR instalada en Mondariz-Balneario só dá servizo a 500 habitantes de Mondariz, cando estaba pensada para atender as necesidades de 6.000 habitantes.

Na reunión analizáronse os avances conseguidos entre os anos 2019 e 2023 co BNG na alcaldía de Mondariz. Neste último mandato realizouse un labor de control que puxo de manifesto a existencia de erros nas liquidacións polo uso da EDAR enviadas por Mondariz-Balneario, así como nalgúns pagos efectuados por Mondariz. Tamén se concluíu a necesidade urxente de tramitar un novo marco xurídico sobre este e outros servizos que deberían ser compartidos entrar os dous concellos veciños para unha maior eficiencia na xestión, tanto os actuais (EDAR, punto limpo e gardería infantil) como os que se valoran nun futuro (recollida e reciclaxe de residuos, policía, cultura, orientación laboral,...)

Xosé Emilio Barros sinala que o novo alcalde do seu municipio, Xoán Carlos Montes, tamén comparte esta filosofía de colaboración que o BNG leva defendendo desde hai máis de 30 anos.