O BNG desbanca a dous incombustibles do PP

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

MONDARIZ-BALNEARIO

César Gil e Manuel Lourenzo pon fin a décadas de dominio popular en Mondariz-Balneario e Soutomaior

17 jun 2023 . Actualizado á 15:40 h.

Cando naceu César Gil, en 1992, xa levaba trece anos na corporación José Antonio Lorenzo, o alcalde de Mondariz-Balneario que deixará agora o seu posto, debido a que decidiu retirarse. As eleccións do pasado domingo entregaron a maioría ao BNG e, por tanto, César Gil asumirá a alcaldía. Pero, o futuro alcalde tomou nota do que ten que facer e tamén do que debe desterrar do seu pequeno municipio. «El [por José Antonio Lorenzo] ten uns vínculos moi importantes na vila, coñece aos veciños e o territorio; e as candidaturas que se presentaron carecían desa experiencia. Claro que influíu no resultado que non se presentara».

A partir de aí, os cinco concelleiros nacionalistas propuxéronse afrontar a eliminación dunha fenda social que aseguran existe no seu pobo. «Queremos romper esa barreira existente ata o de agora entre os votantes do PP e do BNG; Temos que ser todos iguais e hai que lle prestar os mesmos servizos a calquera veciño. Somos 600 habitantes e queremos ser un pobo unido sen ningún tipo de intolerancias; queremos respeto e convivencia», explica o que será alcalde do Concello de Mondariz-Balneario a partir do próximo 17 de xuño.

Este pequeno municipio ten no balneario o seu principal motor económico, pero desde a fronte nacionalista, aínda sendo conscientes dese peso económico, queren pór os ovos en distintos cestos. «O balneario é o motor da nosa vila, co cal o 80 % dependemos deles, pero pensamos que hai que diversificar e hai que buscar diferentes traballos complementarios para ser un atractivo turístico, pero tamén un atractivo para os nosos veciños», explica o representante nacionalista. A terceira intención prioritaria do goberno do BNG en Mondariz-Balneario está relacionada coa fuga de mozos. «Temos que pór freno á marcha da mocidade do pobo e, ao mesmo tempo, atraer a novos veciños», conclúe o futuro alcalde César Gil.

Fin a 28 anos de goberno

No caso de Soutomaior, Manuel Lourenzo, o futuro alcalde, tiña 16 anos cando tomou o mando da corporación Agustín Reguera por primeira vez. As eleccións do pasado domingo decidiron que tras 28 anos o candidato do PP cedese a testemuña ao representante do BNG. «Creo que son moitos anos e van pesando. Hai un cambio de ciclo e hai que asumilo democraticamente e sen ningún pero», trataba así de explicar a derrota Agustín Reguera, mentres que o próximo inquilino do consistorio afirmaba: «somos a primeira forza con máis de 200 votos respecto do seguinte partido, que é o PP, sabiamos que se abría unha oportunidade de cambio, pero, dende logo, a contundencia do resultado superou todas as espectativas».

Así que o primeiro, tras agradecer o apoio recibido durante todos estes anos, explicaba cal sería o seu papel agora: «O doado é marcharse cando as cousas van mal, pero creo que non debo facelo por respecto ao electorado que confiou en min. Non sería digno se escapase agora». E o entrante, Manu Lourenzo, que terá que deixar o Parlamento de Galicia, asegura que todo está por facer. «Sabemos que imos ter que traballar moito e dar o mellor de nos mesmos porque hai moitísimo traballo por diante, pero creo que temos moitísimo potencial. Obviamente, non se vai cambiar nunha lexislatura 28 anos, pero si poremos os piares no Soutomaior novo que tanto tempo levamos traballando».