Patrimonio restaurará a balaustrada cernada no balneario de Mondariz

Monica Torres
mónica torres MONDARIZ-BALNEARIO / LA VOZ

MONDARIZ-BALNEARIO

A Garda Civil custodia o material e eleva a seis o número de investigados

18 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O departamento de Patrimonio da Xunta de Galicia redactará o proxecto de restauración da fonte máis importante do municipio de Mondariz-Balneario . Así o explicaron onte desde o balneario, propietarios do emblemático monumento que foi mancillado por varias persoas co único fin de obter algo de diñeiro pola súa venda como chatarra. As mesmas fontes indicaron que xa están a traballar con Patrimonio e o Concello para facilitar a avaliación dos posibles danos e restaurar canto antes o monumental conxunto levantado polo arquitecto Antonio Palacios.

As pezas da balaustrada expoliada o pasado domingo e que recuperou a Garda Civil, seguen baixo a súa custodia a espera de que os técnicos de Patrimonio decidan sobre o seu tratamento. A pesar da celeridade coa que actuaron tanto os responsables do balneario como o alcalde, José Antonio Lorenzo, e os gardas do posto de Ponteareas despregados no operativo, o material xa fora troceado cando se interceptou nunha zona non moi afastada de onde se produciron os feitos. Varios dos investigados estaban manipulando as pezas cando foron sorprendidos polos gardas, así que haberá que agardar a coñecer o estado real do material para proxectar a rehabilitación. As partes implicadas están xa traballando «para que este patrimonio, que é de todos os galegos poida ser recuperado canto antes».

O número de presuntos implicados nos feitos hase incrementado. A Garda Civil eleva xa a seis as persoas investigadas en relación a este atentado contra o patrimonio cultural e histórico. As primeiras identificacións fixéronse o luns, pero onte sumouse unha máis polo que se trata de catro homes e dúas mulleres investigados por un delito contra o patrimonio histórico.

Será a investigación a que determine a sucesión dos acontecementos e a implicación de cada un dos investigados. A rapidez coa que se manipulou o material para trocearlo evidencia que se ía vender como chatarra.

Non transcendeu o volume total nin o peso das pezas pero, sin duda, foi precisa a intervención de varias persoas para poder actuar sen que ninguén se decatase. Foi o luns pola mañá cando os propietarios se decataron da agresión e, de inmediato alertaron ao rexedor de Mondariz-Balneario e ás forzas de seguridade. Esa estreita colaboración posibilitou incautarse do material antes de que fose demasiado tarde.

A violación do monumento co que se identifican todos os veciños do municipio tivo onte unha contundente resposta de rexeitamento social en Internet. Os ánimos están exaltados pola sucesión de danos contra o patrimonio cultural que se sucederon nos últimos días. Os internautas non esquecen nin a pintada na fachada da catedral de Santiago nin o pícnic sobre o principal castro do noroeste peninsular. Os investigados agora por esta causa contan ademais con antecedentes por outros danos ao patrimonio, segundo confirmou a Garda Civil.