Asime cóase nos institutos para animar a traballar no sector do metal

La Voz VIGO / LA VOZ

MOAÑA

M.MORALEJO

Katia Costas explica a súa traxectoria profesional ata converterse en soldadora en centros da área de Vigo

03 may 2024 . Actualizado á 08:30 h.

É un feito que a industria metalúrxica en Galicia está necesitada de man de obra, por iso é polo que o sector estea a discorrer estratexias para poñerse en valor e captar talento. Neste contexto, a patronal Asime participou por segundo ano consecutivo no programa Ti elixes, organizado polas consellerías de Educación e Emprego co obxectivo de «fomentar desde as aulas unha orientación profesional libre de estereotipos de xénero e a igualdade de oportunidades».

Asime impartiu charlas en colexios e institutos das catro provincias galegas. En Pontevedra, a soldadora Katia Costas explicou a súa traxectoria profesional e a súa ocupación actual no IES Plurilingüe A Paralaia de Moaña, o IES Pino Mando no Porriño, o IES Castro Alobre de Arousa e, na Guarda, nas aulas do instituto A Sangriña.

O de Katia Costas é un testemuño oportuno para destacar as posibilidades do sector do metal entre novas mulleres que queiran labrarse un futuro. Tras varios anos desempeñando tarefas de auxiliar administrativa, descubriu o seu interese pola soldadura. «Decidín formarme neste campo», explica. É unha das primeiras mulleres que participaron en accións formativas desta especialidade e superou varios estereotipos. Na actualidade, segue acudindo a cursos especializados de Asime.