Moaña licita a rehabilitación das súas carpinterías de ribeira por un millón de euros

m.t. MOAÑA / LA VOZ

MOAÑA

XOAN CARLOS GIL

O proxecto de rehabilitación da Seara foi redactado polo arquitecto Óscar Fuertes Dopico

25 abr 2024 . Actualizado á 08:24 h.

O Concello de Moaña licita, por 919.452 euros, a rehabilitación das carpinterías de ribeira da Seara. Segundo recolle o anuncio publicado en Contratos do Estado, o prazo de execución da intervención é de doce meses, as empresas interesadas poden presentar as ofertas ata a medianoite do 13 de maio e as obras clasifícanse como traballos de restauración en edificios de interese histórico ou arquitectónico.

O proxecto de rehabilitación foi redactado polo arquitecto Óscar Fuertes Dopico. Esta iniciativa cofinanciada pola Deputación Provincial de Pontevedra e o GALP Ría de Vigo ? A Guarda supón o primeiro gran paso para que a transformación da contorna da Seara sexa unha realidade. Este proxecto permitirá converter os tradicionais estaleiros de Carlagho e Casqueiro nun espazo de uso museístico e cultural integrado na futura gran praza de preferencia peonil na que se transformará o tramo final da Avenida Concepción Arenal. Cun custo de case un millón de euros, ademais de recuperar a estrutura de madeira destas instalacións, formada por característicos pórticos, a execución deste proxecto permitirá continuar o paseo actual respectando as ramplas do peirao.

O plan contempla o retranqueo da fachada marítima de ambos os inmobles.

Tras a rehabilitación das dúas carpinterías, o proxecto do Concello é continuará nunha segunda fase coa humanización, o que implica rematar o paseo e a construción da gran praza en Concepción Arenal. A intervención total é sobre 4.600 metros cadrados e o custo total elévase a 2,4 millóns.

O 21 de xuño do 2018 fíxose efectiva a catalogación e protección das carpinterías de ribeira do centro de Moaña polo seu valor etnolóxico. A pretensión é rehabilitalas e consolidalas para o seu uso museístico e cultural relacionado coas actividades que albergaron.