A Deputación financiará a rehabilitación do vello Concello de Moaña

MOAÑA

cedida

«É a maior obra que se vai facer na vila en doce anos» destaca a alcaldesa, Leticia Santos, tras asinar o acordo que suporá 1,1 millóns de investimento

26 ene 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

A reforma integral do antigo Concello de Moaña xa ten consignada o investimento. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asinou onte o convenio do plan Reacpon coa alcaldesa, Leticia Santos. Neste plan a Deputación achega 870.611 euros e o resto do custo da rehabilitación, ata superar os 1,1 millóns de euros, procederán do Plan Concellos pendente de aprobar. O proxecto suporá a posta en valor do antigo edificio do Concello, que data dos anos 20 e de dúas construcións anexas mediante unha actuación global de rehabilitación enerxética e de mellora das condicións de accesibilidade.

«Este proxecto, que se levaría o orzamento completo de investimentos de todo o ano de Moaña, sería inasumible sen o Plan ReacPon da Deputación. É a obra máis grande que se vai facer na vila nos últimos 12 anos», destacou a alcaldesa, Leticia Santos.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, considera que se trata dun proxecto «singular, ambicioso, e que ten valor non soamente pola rehabilitación senón tamén polo contido que se lle vai dar ao edificio, apostando polo fomento da educación como instrumento que nos iguala pero tamén pola democratización da cultura». «Non hai nada que nos agrade máis que ser capaces de construír para as persoas», engadiu.

O edificio seguirá albergando a sede de Protección Civil e ademais acollerá un moderno espazo cultural no que se situará unha sala de exposicións, un espazo multifuncional, un local de ensaio, unha aula de estudo individual e un espazo de traballo en grupo dirixido a persoas emprendedoras e asociacións locais. A nova edificación será un espazo «accesible, con renovados sistemas de fontanería, electricidade, telefonía, iluminación e saneamento e novas instalacións de climatización, ventilación, telecomunicacións, detección de incendios e control de acceso». Na construción apostarase pola descarbonización e a economía circular, polo uso de materiais sostibles e enerxías renovables e abordarase a mellora da envolvente térmica da fachada cunha pioneira solución bioclimática de fachada vexetal.