Cangas aproba o presuposto tras catro anos de bloqueo

Luis Carlos Llera Llorente
luís carlos llera CANGAS / LA VOZ

CANGAS

XOAN CARLOS GIL

A abstención da exalcaldesa Victoria Portas, determinante

22 jun 2024 . Actualizado á 05:00 h.

Cangas xa ten presuposto despois de catro anos coas contas prorrogadas por falta de acordo entre os partidos de esquerda. Aprobáronse no pleno de onte co voto de calidade a alcaldesa, Araceli Gestido (BNG), que anunciou antes que se sometería a unha moción de confianza se non se aprobaban. Para desbloquear a situación foi determinante a abstención de Alternativa Veciñal, o partido da exregidora Victoria Portas.

O presuposto que recibiu luz verde ascende a 19,2 millóns de euros de gasto para este ano. Na sesión produciuse un empate entre os dez votos dos tres grupos de esquerda que conforman o goberno (Bloque, PSOE e Esquerda Unida) e os dez do Partido Popular. A postura de Alternativa Veciñal permitiu que a nacionalista Gestido inclinase a balanza. Victoria Portas pactou a abstención co goberno local porque este incluíu no documento económico dez puntos que lle esixía. O abrazo que se deron ao final de pleno Iría Malvido e a exalcaldesa puxo de relevo a alegría e a boa vontade para chegar a un acordo.

No outro lado, un PP con dez edís e 6.000 votos nas pasadas eleccións, douscentos menos que os seus adversarios, considera o aprobado unha estafa. Segundo o portavoz de Facenda popular, Pío Millán, condicionará as contas municipais para os próximos anos.

Os últimos presupostos aprobados e que seguían en vigor foron os do 2020, en plena pandemia. O gasto sobe de 16 a 19,2 millóns. A maior partida é para o capítulo de persoal, que leva 8,7 millóns, un máis que no 2020. Os gastos correntes e de servizos sitúanse en case 7 millóns (en concreto 6.990.987 euros). O Concello reserva unha partida de case 800.000 para pagar facturas atrasadas. Hai que abonar intereses polo preito que gañou a construtora Promalar e outros fondos son para a UTE de Aqualia que se encarga do saneamento e da xestión do ciclo integral da auga.

A concelleira de Facenda, Xiana Abal, recoñeceu que existe un grave problema coas verteduras que hai que resolver pero dixo que a Xunta debe axudar neste asunto.

As emendas de Alternativa Veciñal que se aprobaron e que agora quedan pendentes de execución foron as seguintes: 150.000 euros máis de gastos de persoal para que non se privaticen servizos; 186.000 para vivenda pública; 130.000 euros para crear unha empresa que xestione a piscina; 10.000 para comprar a capela de Santa Marta; 45.000 euros para o plan de mobilidade; 36.300 para estudos sobre o contrato da auga e a súa posible rescisión; outros 10.000 euros para a aula matinal; 50.000 máis para as escolas deportivas; 100.000 para comercios e 70.000 para turismo. Ese foi o prezo imposto por Victoria Portas para non volver tombar as contas.