Os pescadores mobilízanse en Cangas contra os proxectos de eólica mariña

Luis Carlos Llera Llorente
luís carlos llera CANGAS / LA VOZ

CANGAS

XOAN CARLOS GIL

Centos de mariñeiros de Galicia e Asturias secundaron a protesta

11 may 2024 . Actualizado á 21:41 h.

En Cangas oíronse onte fortes críticas ao comisario da DG Mare, Virginjus Sinkevicius, por non defender aos pescadores e avogar pola eólica. Tamén, á ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira, por estar de parte das grandes empresas enerxéticas. «A pesca e os nosos mares non se poxan» foi o lema da concentración de protesta que mobilizou por centos de pescadores de Galicia e Asturias (a organización cifrou en 2.000 os asistentes) diante do porto para mostrar o rexeitamento á futura implantación da enerxía eólica mariña nas costas do noroeste peninsular.

Advirten que en xogo están máis de 450 millóns de euros que, de forma directa e indirecta, xera a flota artesanal en Galicia. Un dos grandes proxectos de muíños de vento no mar esta previsto a 40 quilómetros da Guarda e o patrón maior de Cangas, Javier Costas, revelou que as torres que se queren alzar terían 270 metros de altura. Xa hai tres fronte a Viana de Castelo e afirman que o ruído que xeran, que se transmite pola auga, afasta os bancos de pesca. Esta área constitúe un gran caladoiro para a flota de baixura galega e do norte de Portugal. Os mariñeiros deixan claro que non se opoñen ás renovables, senón á súa localización en zonas de pesca.

Á concentración de Cangas asistiron familias de mariñeiros e tres dirixentes do BNG: as alcaldesas de Cangas e Moaña, Araceli Gestido e Leticia Santos, e a eurodeputada Ana Miranda.

O acto foi dirixido polo asesor xurídico da Federación Nacional de Confrarías, Torcuato Teixeira, que dixo que o sector está pendente de que o Tribunal Supremo admita a súa demanda para paralizar os proxectos, que suporían unha forte afectación para o sector.

Na protesta interviñeron a federación nacional de confrarías, a galega e a asturiana.