Cangas acolle unha xornada sobre a síndrome de Joubert

La Voz VIGO

CANGAS

Expertos de toda España reuniranse o sábado para falar da malformación conxénita

07 may 2024 . Actualizado á 10:27 h.

Cangas acollerá o sábado a II Xornada nacional sobre a síndrome de Joubert, un trastorno caracterizado por unha malformación conxénita do tronco cerebral. Está organizado por Febert Asociación, a asociación de familias con síndrome de Joubert e trastornos relacionados, os concellos de Moaña e Cangas, a Universidade de Vigo e o Sergas.

As actividades de mañá desenvolverase no Centro Social de Cangas. A xornada comezará ás 9.30 horas cunha conferencia da doutora Diana Valverde Pérez na que falará do campus de investigación para a recollida de mostras e informes clínicos. Ás 12.00 horas poñerase en marcha unha mesa redonda sobre educación de calidade na síndrome de Joubert. Participarán a logopeda Helena Lamosa; Elena Sánchez, membros do equipo de orientación específico de Pontevedra; Lara Gutiérrez, mestra de educación especial; Antonio Budiño, pedagogo musical; Yaiza López, estudante de Educación infantil; Claudia García, mestra de Pedagoxía terapéutica; e o médico Wilfredo Guanipa.

Xa pola tarde, a xornada trasladarase ao salón de plenos do Concello de Cangas. Ás 16.30 horas comezará unha mesa redonda ao redor do asesoramento xenético. O médico Jorge Cameselle moderará as intervencións de Ismael Ejarque, médico de familia; a xinecóloga Susana Portela; e a catedrática de Xenética Diana Valverde.

Concluirá o encontro cunha nova mesa redonda sobre os avances na investigación da síndrome Joubert e trastornos relacionados. Participarán a oftalmóloga Ana Campo; a doutora Berta da Porca, da Fundación Pública Andaluza; a pediatra Nadia Álvarez; Miguel Ángel García, xefe de laboratorio NefroChus; Frances García, do Instituto de Investigacións Biomédicas Sols-Morreale; e Diana Valverde, catedrática de Xenética, que actuará como moderadora.