O PP propón a catalogación do Bosque Encantado de Aldán para protexelo

La Voz CANGAS / LA VOZ

CANGAS

M.Moralejo

Os populares reprochan ao goberno de Cangas que non informase antes da compra dos terreos por parte dos armadores de Marín

25 feb 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

O Partido Popular de Cangas reclama ao goberno municipal unha xunta de portavoces para abordar a situación do Bosque Encantado, á vez que critica que non se informase aos grupos da corporación. Desde o grupo municipal destácase o valor patrimonial, natural e paisaxístico dese espazo polo que insiste na necesidade de catalogalo para que obteña a protección necesaria que garanta a súa conservación.

Sinalan o PP de Cangas que ese lugar debe ser público para goce dos veciños e veciñas e lembran que é un dos puntos máis visitados do municipio debido á súa singularidade. «Botamos moito de menos que o concelleiro de Urbanismo non tivera informado antes dos cambios na propiedade e sobre a posición do goberno sobre este asunto e nos enteremos de todo pola prensa» lamentan os populares. «Non entendemos a opacidade do tripartito e por eso queremos que ofrezan información actualizada dos encontros que mantiveron cos actuais propietarios , os pasos dados así como as xestións realizadas, si fora o caso de que se fixera algo», engaden. Desde o PP apostan pola xunta de portavoces como o foro máis adecuada no que lograr unha posición común que permita acordar os pasos a dar para conservar o Bosque Encantado, pólo en valor e mantelo aberto.

O pasado mes de outubro, uns armadores de Marín adquiriron a propiedade da leira situada en Aldán que, aínda que sempre foi un espazo de propiedade privada, é moi visitado durante todo o ano polos locais e os foráneos.