30 familias do Baixo Miño obteñen alimento cada día a través do troco

Monica Torres
mónica torres A Guarda / LA VOZ

A Guarda

M.MORALEJO

Conrazones troca produtos de segunda man por 38.000 euros en comida ao ano

02 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O intercambio de bens materiais ou de servizos sen que intermedie o diñeiro líquido rexorde sempre en tempo de crise. A experiencia de Conrazones evidencia que esta práctica, que se remonta ao Neolítico, mantén a súa vixencia. Os excedentes das todas as persoas que participan no seu proxecto permiten, a día de hoxe, que unha trintena de familias do Baixo Miño poidan gañarse o seu xornal diario.

«Nós apostamos pola dignidade sobre a caridade», apunta José Antonio Piño Gómez. Ao presidente deste colectivo da Guarda, que fai catro anos lanzou timidamente a súa iniciativa, todos o coñecen como Piño. «Nós non aceptamos nin subvencións, nin sequera doazóns dos bancos de alimentos», explica. Non é soberbia. «Consideramos que se pode vivir así, dun xeito alternativo e sen axuda institucional», di Piño.

M.MORALEJO

Seguindo esta filosofía desde fai catro anos conseguiron que numerosas persoas poidan paliar a crise con moito traballo. O ano pasado pecharon o exercicio cuns 38.000 euros, que se trocan directamente por alimentos para as familias que o necesiten.

Ademais da tenda de troco, dispoñen de hortas solidarias e saudables, e realizan mercadillos. «Se vas traballar á leira tres días á semana, ganas outros tantos vales; se un día levas un moble a domicilio, consegues outro vale, en función das horas de ocupación». Así é a xornada laboral das familias que traballan con eles por trocos. Os sábados trócanse. É como en calquera supermercado, os vales adoitan ser de 20 euros cada un, así que se intercambian directamente por leite, aceite, peixe, carne ou calquera outro produto que se poida necesitar. Aquí ninguén regala nada, todos se gañan o seu sustento. De luns a venres, a tenda abre en horario de 11.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 17.00 horas. No seu establecemento teñen todo tipo de produtos, doados por persoas que xa non os utilizan.

Eles ponos á venda, pero o pagamento prodúcese en especie. Unha mesa pode custar 10 euros en carne e unha cama, 30 en pescada. «O que máis se vende son os e mobles (especialmente colchóns) camas e libros», indica Piño. Hai un repunte tanto de usuarios como de beneficiarios «porque á xente nova gústalle facerse con cousas de segunda man a bo prezo e pódese amoblar un piso de alugueiro enteiro por 250 euros de alimentos», confirma o presidente da asociación.

Do outro lado están os usuarios. «E tamén hai un pico. Aínda que empezamos con 93 familias no 2014, as necesidades foron descendendo ata que este ano, coa chegada de emigrantes, rompeu a tendencia e subimos a 30, cinco delas estranxeiras», explica Piño. Teñen dúas hortas que suman 2.000 metros cadrados en terreos cedidos por veciños porque estaban en desuso. De alí saen as verduras e tubérculos. Acaban de recoller 3.000 quilos de patacas e xa os reparten. As 22 «galiñas solidarias» fornécenlles de ovos e na tenda priorizar o troco por alimentos frescos «porque necesitamos máis proteínas». Restauradores da área ensínanlles a elaborar pratos saudables.