Jovito Rivas, sindicalista histórico: «O sindicato amarelo rompeu toda a unidade en Citroën»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO

M.MORALEJO

O exlíder de UGT publica un libro sobre o asociacionismo na factoría viguesa

10 sep 2025 . Actualizado á 09:05 h.

A bibliografía sindical viguesa conta cunha nova achega asinada por un dos protagonistas da vida laboral local dos últimos cincuenta anos. Jovito Rivas Pérez, representante de UGT en Citroën durante varias décadas, publica 1977-2002. 25 anos de sindicalismo en Citroën (Ir Indo).

—Cal foi a idea motriz do libro?

—Quixen reflectir as interioridades de Citroën, unha empresa complexa, diversa e multinacional. Por outra banda, quixen facer ver que dentro da fábrica hai compañeiros que, ademais de traballar, dedican horas a intentar resolverlle problemas a outros compañeiros. Quero que os traballadores de Citroën que o lean se vexan reflectidos nel.

—Por que este marco cronolóxico?

—Porque no ano 1977 é cando chega a lei de amnistía e empézase a falar de eleccións sindicais. Eu quixen completar un ciclo dun cuarto de século de vida, que pode ser o máis intenso dende o punto de vista sindical.

—Como viviron os cambios que se experimentaron naquela época?

—Con moitísima emoción e esperanza. Ir votar libremente foi unha alegría tremenda. Todos eses cambios reflectíanse na nosa loita. Foi unha época importante para o sindicalismo.

—Cambiou a relación coa empresa a partir de 1977?

—En xaneiro de 1978 tiveron lugar as primeiras eleccións sindicais libres e chegou un novo comité. Había cuestión anteriores pendentes, como os despedidos dos anos 1968 e 1972. A empresa negábase a negociar, e conseguímolo despois de moitas accións. Tamén se conseguiu a revisión salarial nese mesmo ano. Había moitísima ilusión e esperanza porque estabamos construíndo un novo mundo.

—Que sindicatos estaban entón?

—CC.OO. UGT, USO, SOG, CSUT (Confederación Sindical Unitaria de Trabajadores) e a FST (Federación Social de Trabajadores), sindicato patrocinado pola empresa. Despois houbo outros sindicatos, como a Intersindical Nacional Galega.

—Era a negociación do convenio colectivo o momento de maior fricción coa empresa?

—Era un momento importante. A primeira que se fixo foi a de 1979, e foi importante. Ademais, houbo unha gran unidade sindical. O sindicato auspiciado pola empresa estaba desaparecido e as asembleas eran masivas. Todo aquilo foise ao traste a noite do 28 de febreiro de 1979.

—Que pasou aquela noite?

—Tres dirixentes de CC.OO. foron pillados polos gardas sacando pezas da fábrica pola tapia. Aquilo matounos porque a campaña que comezou a empresa contra os sindicatos foi bestial. Moitos traballadores perderon a confianza en nós. A UGT tamén foi atacada de maneira visceral. Por unha banda había unha situación económica complicada e pensabamos que había que facerlle fronte con medidas que evitasen o peche. Outros sindicatos, non pensaban así. Asociáronnos coa patronal por manter aquela liña, para nós responsable. A empresa tamén fixo forza contra nós.

—Era unha empresa dura?

—A empresa tivo o defecto de trasladar o modelo francés. Citroën, en Francia, tiña un sindicato patronal forte que facía fronte a todo o demais e dividía aos traballadores. A implantación do sindicato amarelo rompeu toda a unidade. Os propios sindicatos cometemos o erro de segregar tamén e non puidemos paralo.

—De que logro está máis orgulloso?

—No ano 1985, a UGT traballou moi ben na negociación do plan industrial da fábrica. Supuxo a transformación dunha fábrica antiga a unha nova. Foi cando se modernizaron todas as instalación e se fixo unha fábrica competitiva e con novos modelos. O plan industrial supuxo unha inxección importante de cartos por parte do Estado e de compromiso dos que asinamos o apoio ao cambio. Non nos saíu gratis. Puxéronnos a caldo. Non hai moito atopeime cun daqueles que non estiveron de acordo e nos criticaron, e recoñecíame que aquel plan salvou á empresa en Vigo.

—Cambiaron moito as cousas ao final do período que conta?

—Seguiron as liortas entre os sindicatos. Nós estabamos permanentemente na dúbida de facer o que tiñamos que facer ou recibir críticas dos demais. No plano económico, social e produtivo si que houbo moitos cambios. Xa non tiña nada que ver con 25 anos atrás.