A muller que abriu camiño no seu autobús

Pedro Rodríguez
pedro rodríguez VIGO / LA VOZ

VIGO

Concello de Salceda

Nieves Castro, a primeira condutora de empresas Raúl, será nomeada Salcedense Distinguida este ano

19 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Nieves Castro (1954, Xinzo, Ponteareas) pasou media vida conducindo un autobús. Sen que fose a súa intención, estar alí, ao volante, estaba a rachar cunha chea de prexuízos aos que se tivo que enfrontar durante toda a carreira. Lembra que á xente non lle gustaba que unha muller fose unha condutora de autobús. Dicían: «Que Deus nos pille confesados», conta Nieves, que insiste en que o machismo non lle fixo renderse. «Na terra dos lobos hai que ouvear coma eles», di unha muller que sempre tivo claro que non quería que ninguén lle regalara nada.

Nieves acaba de ser nomeada Salcedense Distinguida este ano xunto aos seus veciños Luís González e Tomás Rodríguez. É un recoñecemento que o Concello quere darlle á que foi «unha das mulleres pioneiras no mundo do transporte». Salceda de Caselas e, en concreto, a parroquia de A Picoña é o fogar no que Nieves fixo a súa vida e criou a súa familia. Ten catro fillas, cinco netos e unha neta. «Mudeime con 28 anos porque o meu home, Manuel, era de aquí», lembra.

A vida de Nieves, como a de tantas mulleres da época, foi unha loita constante. Seu pai marchou a América cando acababa de nacer e a súa nai tivo que botar adiante a familia ela soa. Ela era a mediana de tres irmáns e, dende moi cedo, tivo que traballar na casa. «Aínda hai homes que din que as mulleres non traballan, pero elas si que o fan é máis horas. A única diferenza é que non cobran», sentenza unha muller que viviu reivindicando unha igualdade de xénero que, considera, aínda non existe.

Nieves lembra que na súa infancia, ademais de ao machismo, tamén se tivo que enfrontar ao clasismo. «As persoas con cartos miraban tratábanos coma se valeramos menos», lembra. Quería estudar, pero había que axudar na casa. Aos quince anos entrou a traballar nunha fábrica de madeira á que tardaba case unha en chegar andando. Estivo alí máis dun ano e logo traballou nunha fábrica de confección. Sempre dun traballo a outro para gañar o pan. «Non quería depender de ninguén», insiste. Con 21 anos Nieves coñeceu ao que sería o seu home, Manuel Domínguez, nunha festa. Namoraron, casaron e con 22 anos naceu a primeira das súas fillas. Logo viñeron as outras tres a e súa mudanza a Salceda.

Os inicios en Picoña foron duros. O seu home traballaba fóra e Nieves non tiña o carné de conducir. Cada vez que tiña que facer unha xestión a Salceda tiña que ir andando. Tamén cando levaba as súas fillas ao médico. Eses primeiros anos tamén tratou de traballar do que podía e tratou de facer todas as formacións que podía acceder a través do Servizo Público de Emprego Estatal, o antigo Inem. Fixo un curso de perruquería, logo sacou o carné de conducir e, despois, viu que había un curso para sacar o carné de camión e alá foi. Logo chegou o de autobús. «Houbo empresas que me dixeron que non por ser muller ou por ter fillas», indica.

En 1990 conseguiu entrar na empresa Raul. Foi a primeira muller en conducir un autobús na empresa e alí estivo tres anos encargándose do transporte escolar. Logo viu unha oferta para conducir en Vitrasa e apuntouse. Estivo conducindo autobuses en Vigo 21 anos. Leva consigo milleiros de anécdotas e historias dese tempo na cidade e, lembra, tamén a varias persoas coas que coincidía sempre no autobús.

Nieves tampouco deixou nunca de loitar por gañar dereitos colectivos. Estivo na Anpa na época escolar das súas fillas e agora forma parte da asociación veciñal Carballeira. Un dos grandes fitos do movemento foi conseguir que o autobús escolar chegara a Picoña. «Protestamos, esiximos e, tamén, cavamos no camiño para anchealo. Ninguén o facía e entón alá fomos nós», explica. Agora, Nieves, que conseguir que as súas fillas tiveras as oportunidades que non tivo ela, as catro teñen estudos universitarios, trata de gozar da vida despois de tanto esforzo. Está aproveitando para viaxar polo mundo adiante e xa estivo en Nova York, París, Azores, ou Dubai. «Nunca soñei con ter conseguido tanto, pero aquí estamos. Na vida hai que pelexar e esforzarse», mantén a muller que rachou prexuízos no autobús.