
Segundo o escrito da Fiscalía, os feitos ocorreron entre os meses de agosto de 2020 e 2021
14 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.A Audiencia Provincial de Pontevedra acollerá mañá o xuízo contra 15 acusados para os que piden ata sete anos e nove meses por participar nunha rede de tráfico de drogas. Nalgúns casos, tamén se lles imputa un delito de integración de integración en grupo criminal e outro de tenencia de armas. Segundo o escrito da Fiscalía, os feitos ocorreron entre os meses de agosto de 2020 e 2021 entre Vigo e Pontevedra. Durante ese tempo, os acusados levaron a cabo unha actividade sostida de provisión e comercialización de substancias estupefacientes, en concreto cocaína e heroína, que era distribuída lucrativamente a dispensadores últimos e consumidores finais de tal substancias.
Os roles ocupados polos acusados na rede eran diferentes: desde a coordinación cos provedores, como a propia provisión e a distribución das substancias aos clientes finais. Este relato é froito dunha investigación desenvolvida por persoal da Unidade de Droga e Crime Organizado (Udyco) de Pontevedra e da Garda Civil, na que realizaron diversas vixilancias e seguimentos, onde puideron incautar diferentes substancias.
En consecuencia, o Ministerio Fiscal pide para os 15 acusados catro anos de prisión, nalgúns casos, e catro anos e seis meses, noutros, por un delito contra a saúde pública referido a substancias que causan grave dano á saúde. Así mesmo, solicita para 13 do total de implicados ou ben un ano ou ben un ano e tres meses por un delito de integración en grupo criminal. Ademais, no marco da investigación, realizáronse ata sete rexistros nos domicilios dos acusados. Nun deles identificáronse catro pistolas sen as correspondentes licenzas de uso e guías de pertenza. Por iso, a Fiscalía pide para dúas dos acusados dous anos máis de prisión. En ambos os casos, as penas esixidas son de sete anos e nove meses.