Cardioloxía do Álvaro Cunqueiro utiliza por primeira vez a nivel mundial unha técnica nova de tratamento da estenosis aórtica

La Voz VIGO / LA VOZ

VIGO

CEDIDA

A intervención, que foi realizada nas últimas semanas a un paciente de 77 anos de idade, consistiu no emprego da nova técnica Transcatheter Aortic Valve implantation (TAVI)

14 jul 2025 . Actualizado á 22:03 h.

O Servizo de Cardioloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro realizou o primeiro implante a nivel mundial mediante unha nova técnica de reposición dunha prótese aórtica percutánea que ofrece unha maior precisión para tratar a estenosis aórtica. A intervención foi dirixida polo doutor José Antonio Baz Alonso, xefe da sección de cardioloxía intervencionista do Chuvi e investigador do Grupo de Investigación Cardiovascular do IIS Galicia Sur. 

A intervención, que foi realizada nas últimas semanas a un paciente de 77 anos de idade, consistiu no emprego da nova técnica Transcatheter Aortic Valve implantation (TAVI); que permite reposicionar a prótese Allegra, con sistema de entrega Imperia, obtendo unha maior precisión na posición final e maior rendemento da válvula implantada, reducindo previsiblemente a taxa de morte ou de reingreso por insuficiencia cardíaca neste tipo de pacientes. 

Tal e como explica o doutor José Antonio Baz: “Esta técnica, que é a primeira vez que se emprega neste tipo de válvulas a nivel mundial, chega froito dun proxecto internacional de investigación previa no que o Servizo de Cardioloxía do CHUVI foi o que máis pacientes e casos de estudo incluíu, contribuíndo coa selección, implante de válvula e seguimento de pacientes a que leste esta investigación previa ofrecese resultados que garantan bos resultados e permitindo que futuros pacientes que precisen dunha TAVI sexan tratados dunha forma máis efectiva e segura”. 

En vanguardia na investigación

O Servizo de Cardioloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro, que dirixe o doutor Andrés Íñiguez Romo, posúe unha ampla traxectoria na investigación e emprego de novas técnicas no tratamento de afeccións cardíacas. Neste sentido, o Servizo de Cardioloxía do CHUVI é Centro de Excelencia polo laboratorio B Braun (Melsungen, Alemaña), fabricante dun novo sistema menos invasivo para o tratamento de determinadas afeccións coronarias. 

Este recoñecemento tan só o posúen dous hospitais no mundo: o primeiro deles, situado en Postdam (Alemaña, país de orixe do laboratorio) e agora, o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Así mesmo, investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, pertencentes ao Servizo de Cardioloxía da área Sanitaria de Vigo, presentaron o pasado marzo nun dos principais congresos a nivel mundial de cardioloxía os resultados dun ensaio clínico que mostra que o emprego dun fármaco novo para tratar a diabetes e mellora os prognósticos de pacientes con estenosis aórticas sometidos a intervención valvular cardíaca. 

Así, segundo este ensaio denominado DapaTAVI (Dapagliflozin after Transcatheter Aortic Valve Implantation), este tipo de pacientes reducen sensiblemente a súa taxa de morte ou de reingreso por insuficiencia cardíaca. Entre estes últimos avances tamén é destacada a publicación na prestixiosa revista científica Circulation un estudo multicéntrico español, no que contribúe de xeito destacado o Servizo de Cardioloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro, e no que se analiza o tratamento para retardar a progresión da enfermidade valvular ou aórtica en enfermos diagnosticados de válvula aórtica bicúspide. A válvula aórtica bicúspide (VAB) é unha anomalía conxénita que aparece en 2 de cada 100 persoas.