Dimiten os catro concelleiros do PSOE de Oia por discrepancias coa executiva local

Pedro Rodríguez Villar
Pedro Rodríguez OIA / LA VOZ

VIGO

Gerardo Rodríguez, Cándido Castro, Américo de Oliveira e Belén Pulido séntense «pouco valorados»

26 jun 2025 . Actualizado á 01:49 h.

O PSOE de Oia foi a segunda forza máis votada nas eleccións municipais de 2023 con 4 concelleiros fronte aos 6 do PP e a un do BNG. Ningún dos representantes elixidos manterá este ano a súa acta. Marisa Giráldez renunciou o novembro pasado por «motivos laborais e persoais», ocupou o seu lugar María Belén Pulido, quinta na lista electoral, e que, agora, tamén presenta a súa dimisión xunto a Gerardo Rodríguez, Cándido Castro e Américo de Oliveira por discrepancias coa nova executiva local, que foi renovada o pasado 27 de maio. 

 «As renuncias débense principalmente as discrepancias políticas coa nova executiva local, que dificultan o desempeño dos nosos cargos coa eficacia e eficiencia que se merece. Neste senso vémonos na obriga de dar un paso para o lado e deixar que a nova executiva local leve a cabo o seu novo proxecto, xa que nos sentimos pouco valorados e sen recoñecemento da nosa labor», indican os catro concelleiros, que tamén explican que a súa decisión non ten nada que ver coa dimisión de dous concelleiros en Salceda o pasado 21 de xuño nin coa situación do PSOE a nivel nacional. 

Os catro concelleiros tamén desexan que  «o novo grupo municipal actúe libremente acorde coa nova forma de facer política e oposición. Creemos que aínda queda tempo suficiente para que o partido socialista de Oia acade o que todos desexamos: poder chegar a gobernar para mellorar o noso concello e a vida dos nosos veciños e veciñas». Tras a dimisión das cinco persoas que encabezaban a lista electoral do PSOE en 2023, que constaba de 11 candidatos, deben asumir o cargo a número 6, Lara Domínguez, o número 7, Blas Fernández, a número 8, Martina Nuri Pombal, e a número 9, María Hortensia Villamarín. O actual Secretario Xeral, Jose Miguel Sánchez Alcalde, atopábase de cuarto na lista de suplentes.