Quince días de teatro cómico festivo en Cangas

La Voz VIGO

VIGO

Diego Seixo

A Mostra ofrece 26 espectáculos e un amplo programa de actividades lúdicas e sectoriais

24 jun 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Ata o 6 de xullo, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, que xa acada a súa edición 42, ofrecerá 26 espectáculos e un amplo programa de actividades lúdicas e sectoriais. O certame, organizado desde 1984 pola Asociación Cultural Xiria, centra as súas actividades ao redor da comedia en calquera das súas vertentes.

A programación repartirase en cinco escenarios. Haberá oito estreas absolutas, entre os que destacan O espírito de Vania, de Machi Salgado; A beleza faranos libres, de Anómico Teatro; Vento metal, de Trifásico Teatro; Coa cabeza nas nubes, da compaña Söa; Gala, de Vermello Pano; e Enredo, un espectáculo de clown da Vela Circo.

Completan o panorama galego As gardiás ou o nó do tecelán, en homenaxe ao que foi o seu tradutor do francés ao galego e un dos fundadores da Mostra de Cangas, o recentemente falecido Henrique Harguindey.

Dentro do 25º aniversario do proxecto Mulleres en Acción dedícase esta edición ás pandereteiras e cantareiras homenaxeadas no Día das Letras, programándose As fillas bravas de Momán, de Chévere, e a proposta musical, performativa e audiovisual Ósmose, de Mercedes Peón.

A programación de hoxe comezará ás 18.00 horas coa presentación do libro As Fillas Bravas de Momán, de Chévere, no salón de plenos Concello de Cangas, con participarana Patricia de Lorenzo, do Grupo Chévere

Media hora despois, no mesmo escenario, seguirá a presentación do libro Galegas na música, de Isabel Blanco. E pecharanse as actividades no salón de plenos coa presentación, á 19.00 hora,s do libro Somos pandeireteiras, de varias autoras entre as que se atopa Mercedes Peón, que estará presente no acto.

A primeira acción escénica poderase ver ás 19.00 horas na sala de exposicións do auditorio municipal. A compaña Furafollas presentará Os cravos de prata. É un espectáculo dirixido a todos os públicos.

Xa a partir das 21.00 horas, no escenario principal do auditorio Xosé Manuel Pazos terá lugar o IX Torneo de Dramaturxia de Galicia. Esther Carrodeguas, como mestra de cerimonias, presentará un singular combate no que catro dramaturgos bátense á procura do voto do público sen máis armas que as réplicas, ideas, ritmos, conflitos, sorpresas, accións ou silencios. Os contendentes nesta batalla de enxeño son Iván Caloto, Marta Lado, Amantia Coello e David Gun Gundas.

As entradas para este espectáculo pódense adquirir en ataquilla.com a partir dun desembolso de 5 euros.