Chega a Vigo o musical da serie «Bibopalula»

Jorge Lamas Dono
Jorge Lamas VIGO / LA VOZ

VIGO

.

A obra teatral corre a cargo da compañía Ainé, a produtora do actor Xosé Antonio Touriñán

22 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Teatro Afundación acolle hoxe, ás 17.00 horas, Bibopalula. O espectáculo. É o musical da primeira serie musical de debuxos en galego. As entradas pódense mercar en ataquilla.com dende 11 euros.

É unha proposta de Ainé, a compañía que está detrás dalgúns dos grandes éxitos do teatro galego na última década, como Somos Criminais ou Fariña, que agora tamén afronta a produción no teatral infantil, cun espectáculo de gran formato con cancións, coreografías, efectos especiais e moitas sorpresas para as máis pequenas e pequenos.

«Vai ser un espectáculo espectacular», dixo durante a presentación do mesmo Xosé Antonio Touriñán, actor e produtor de Ainé. A serie na que está baseada o espectáculo é desde a súa estrea o pasado mes de novembro o contido máis visto en Xabarin.gal, a plataforma infantil de entretemento da Televisión de Galicia. Robin, Carpin, Merli e Pegui son a Banda do Bosque, un grupo de paxaros que deciden formar un grupo musical. As súas aventuras entre árbores e fenómenos da natureza conquistaron xa a milleiros de nenas e nenos, que ata coñeceron en persoa a algúns dos protagonistas da serie en partidos do Deportivo ou na cabalgata dos Reis Magos.

A proposta teatral está dirixida por Marta Lado e protagonizada por Lidia Veiga, a quen acompañan sobre as táboas Graciela Carlos, Sara Ferro, Nerea Rodríguez e Cristina Andrade interpretando aos paxaros da serie. Tamén aparecerán entre as árbores o Señor Moucho ou Pombo -a quen pon voz o propio Touriñán-. «Serán 50 minutos de festa no teatro. Unha experiencia que o público infantil non viviu antes en Galicia, e que busca tamén unha asociación positiva ao que representan as artes escénicas, para asegurar que queiran volver para gozar doutros espectáculos», aseguran desde a produtora da obra

A xira de Bibopalula levará un equipo de quince persoas. Despois de pasar pola Coruña, Santiago, Pontevedra, Vilalba e Verín, chega agora a Vigo antes de rematar en Cee e Ourense.