Rescatan o cadáver dun home flotando no mar na Guarda

La Voz VIGO

VIGO

O corpo sen vida do home atopábase a uns seis metros das rocas proximas á praia de Fedorento, na parroquia de Salcidos

09 jun 2025 . Actualizado á 22:23 h.

Os servizos de emerxencia recuperaron este domingo o corpo sen vida dun home que foi achado flotando no mar, a uns seis metros das rocas próximas á praia de Fedorento, na parroquia de Salcidos, no municipio pontevedrés da Guarda.

O 112 Galicia recibiu o aviso ás 12:50 horas, tras a chamada dun particular que alertou sobre a presenza dunha persoa na auga. De inmediato activouse un operativo no que participaron Salvamento Marítimo, o Servizo de Gardacostas de Galicia, o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) da Guarda, a Garda Civil e o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Os equipos de intervención lograron recuperar o corpo e comezaron manobras de reanimación no lugar. Tamén se mobilizou o helicóptero Pesca I por se a subida da marea dificultaba o acceso, aínda que finalmente non foi necesaria a súa intervención.

A pesar dos esforzos do persoal sanitario, non foi posible salvar a vida do home. O falecido é un septuaxenario veciño de Tui. Ao parecer, atopábase pescando na zona.