O histórico Choco descende e sinala a «unha actuación arbitral pésima»

LA VOZ VIGO

VIGO

David Alján

Dous anos despois de pechar unha longa etapa en Terceira, o equipo redondelano baixa outro banzo

12 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.

O Choco parecía tocar fondo hai dous anos, cando perdeu a categoría tras unha longa etapa en Terceira. Con todo, o club redondelano, dirixido nestas últimas xornadas por Juan Amoedo tras a destitución de Félix Rial, di agora adeus a Preferente e militará o próximo curso en Primeira Galicia.

O conxunto choqueiro chegaba á última xornada con opcións de salvación e, de feito, cunha igualada, quedou empatado co primeiro equipo salvado en teoría —pendente de ascensos e arrastres—, o Xuvenil de Ponteareas, que caeu ante o Pontevedra B con contundencia (0-6). O Choco, pola súa banda, adiantouse cun gol de Marcos Torres a un Cented Academy que empatou para o 1-1 final.

A través das redes sociais, os redondelanos queixáronse amargamente da as decisións do colexiado. Xunto cun vídeo, escribían: «Así foi o dobre gol anulado ao Choco no minuto 94, que consuma o noso descenso cunha actuación arbitral pésima. Esperamos, como mínimo, unha desculpa pola triste situación que está vivindo toda a vila nestes momentos. Volveremos». Súmanse a Rápido de Bouzas e Atlántida de Matamá como equipos da área de Vigo descendidos.