A sala Ártika, que cumpre dez anos, ofrecerá 42 obras de 29 compañías na nova tempada

B.R.S. VIGO / LA VOZ

VIGO

cedida

Dará comezo o 6 de setembro coa realización do circuíto Fegatea de Teatro Amador, organizado pola compañía Fauna 113, creada na propia sala viguesa

11 jun 2024 . Actualizado á 05:00 h.

A sala Ártika presentou onte a programación que chegará no segundo semestre do ano. Vinte e nove compañías pasarán pola sala situada en Beiramar que dirixen Fernanda Barrio e Marcos Alonso, que achegarán á cidade 42 representacións de teatro familiar, espectáculos para público adulto e danza. Trátase dunha programación completa e variada coa que o espazo festexa dez anos de resistencia cultural en Vigo. Este aniversario é, como remarcou Fernanda Barrio na presentación, «un valor engadido ao levar dez anos formando, programando, resistindo e, sobre todo, apostando pola cultura galega e internacional, que se consolida coas boas relacións xestadas durante os últimos anos co país veciño».

Jacobo Sutil, director da Agadic, destacou o apoio estable que a Xunta de Galicia vén brindando á sala a través do sistema de subvencións, que valora o importante labor que desde a iniciativa privada desenvólvese ofrecendo un espazo permanente a moitas compañías galegas, e o traballo que se realiza para consolidar e atraer novos públicos ao teatro.

Esta nova tempada dará comezo o 6 de setembro coa realización do circuíto Fegatea de Teatro Amador, organizado pola compañía Fauna 113, creada na propia Sala Ártika. Ese mesmo mes, o XXII circuíto de creación escénica contemporánea organizado pola Rede de Teatros Alternativos volve facer parada en Vigo e Ártika é o único espazo en Galicia que acolle este tipo de propostas escénicas. Achegará a proposta de danza familiar Blink Magic da compañía Blink Flash, de Murcia, e o espectáculo para público adulto Rumbo a Farout, de Onírica Mecánica de Cataluña.

A cidade volverá encher de gargalladas do 19 de outubro ao 17 de novembro co V Ciclo de comedia Comediártiko; en Nadal volverá o X Festival Pequeártiko e para rematar, cabe destacar a estrea do espectáculo da compañía Ártíka CIA: Non pasarán, en novembro.

A programación complétana as compañías galegas Redrum e Ibuprofeno Teatro, que se suman tamén cos espectáculos Pequeno pónei e Smoke on the whater. Provisional danza, premio nacional de danza en 2007, outorgado polo ministerio de Cultura na modalidade de creación, achegará en decembro o espectáculo “Seguimos enteiras”. A venda de entradas estará dispoñible na propia web da sala Ártika, a partir do martes, 11 de xuño.