Despedido un profesor de música folk que deixou colgada á orquestra SondeSeu OFG

E. V. PITA VIGO / LA VOZ

VIGO

cedida

O despedimento foi declarado improcedente porque o mestre tivera a precaución de xustificar as súas repetidas ausencias a clases ou concertos con certificados médicos que lle recomendaban repouso

01 jun 2024 . Actualizado á 05:00 h.

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), nunha sentenza do 4 de abril, confirmou como improcedente o despedimento e obriga a readmitir ou indemnizar con 1.940 euros a un profesor de música folk, quen prestaba servizo nunha subcontrata do Concello de Vigo, porque faltou tres días ao traballo alegando unha enfermidade, e deixou sen atender as probas de son dun concerto de SonDeSeu OFG, entre outros actos, no 2022.

Previamente á súa marcha enviou un wasap ás súas compañeiras da empresa Galega de Recursos Educativos Avanzados: «Compañeiras. Estou na escola pero vou marchar pa casa. Poido ser do xantar pero é que estou fatal. Vémonos mañá» .

A clave do xuízo é que o profesor de música folk era socio da empresa que o contrataba e o debate centrouse en se se lle podía considerar membro da directiva ou reitor e, por tanto, non estar suxeito a ordes alleas. Pero o TSXG responde que «mal pode ser empresario dunha determinada explotación quen carece de facultades e poderes sobre os medios patrimoniais propios da mesma».

O despedimento produciuse tras repetidas ausencias de dúas ou tres días. O profesor achegou o certificado médico por un par de días pero, uns días despois, volveu ausentarse e non acudiu o 12 de maio de 2022 ás probas de son para o Concerto XX Aniversario da SonDeSeu OFG, nin tampouco asistiu o día 19 de maio de 2022 ás probas dunha alumna para realizar o Concerto de Fin de Estudos.SonDeSeu tivo un papel destacado no confinamento do 2020 cando varios músicos interpretaron un concerto a través de videoconferencia.

O profesor dedicábase á impartición de clases na Escola Municipal de Música Folk e Tradicional do Concello de Vigo ou no local que se lle indicase pola empresa. Daba canto popular, danza e práctica orquestral. A súa categoría era de «mestre». Ausentouse de dar clases como profesor na Escola Municipal de Música de Folk, Danza I, Danza II, A.A. Cantares de Torula e A.A. Pandeireteiras na Escola Municipal de Folk do Concello de Vigo e xustificouno con certificados médicos que lle recomendaban tres días de repouso. A empresa deulle unha chamada de atención por non estar no seu posto de traballo e máis tarde despediuno.