Vigo, a cidade que se narra a si mesma

Pedro Rodríguez Villar
Pedro Rodríguez VIGO / LA VOZ

VIGO

Óscar Vázquez

Editores, autores e libreiros analizan as oportunidades e retos do sector polo Día do Libro

21 abr 2024 . Actualizado ás 21:28 h.

Ano 1.863, edítase o primeiro exemplar de Cantares Gallegos en Vigo. A cidade é testemuña dun fito da literatura galega e da industria editorial na cidade. Hoxe, máis de 150 anos despois, continúa a ser un referente do sector do libro, non só na actividade editorial, tamén na gran canteira de creadores, librarías e clubs de lectura. Vigo e a súa área son a orixe de historias de autores que, como Pedro Feijoo ou Ledicia Costas, viaxan por todo o mundo editadas por Xerais, Galaxia e outros proxectos da cidade e que son difundidas en colexios, bibliotecas e clubs de lectura de toda Galicia. A riqueza do sector, pola contra, contrasta coa dificultade de competir nun contexto cheo de retos como o actual.

Fran Alonso, o director de Xerais, coincide con Marcos Calveiro, Galaxia, na libraría Librouro. Representan as dúas editoriais máis históricas e potentes da comunidade. En canto a creación, a literatura galega semella que está nun moi bo momento. Ambos asenten. «Só hai que ver os últimos premios Nacionais de literatura», responde Calveiro. Por poñer un exemplo, o ano pasado Paula Carballeira gañou o de literatura dramática e Yolanda Castaño o de poesía. Hai dous anos, Marilar Aleixandre gañou o de narrativa. Un éxito que «mostra a gran capacidade que hai nos creadores galegos». E na que Vigo ten moito que dicir. «Si, a cidade ten unha representación moi importante. Aquí hai unha literatura moi viva e con creadores que analizan moi ben o tempo e o ritmo desta cidade», conta Fran Alonso. Calveiro asente ao seu lado. «Vigo, é a cidade da industria cultural por excelencia».

Ambos chegaron a postos de responsabilidade hai pouco. En tempos complicados. Fran Alonso asumiu a dirección en 2018 e Marcos Calveiro entrou en 2022. Teñen unha pandemia polo medio, pero tamén a inflación, a dixitalización, os novos formatos e a competencia das grandes plataformas de venta dixital. «É certo que os editores galegos estamos afeitos a ser a resistencia», conta Calveiro, pero son unha chea de retos que provocan que as formas de traballar e editar cambien. «Vivimos nun momento no que a inmediatez é o que manda», engade Fran Alonso. Nótase moito nos tempos de lectura, nos procesos de compra ou nas vendas. Ambos coinciden en que o libro galego hoxe, exceptuando a uns poucos autores, «vive ligado ao caixón de novidades das librarías». Os tempos de promoción e de lanzamentos dos libros reducíronse. É o ritmo que impón un mercado globalizado. En ambas editoriais notan que as vendas dos libros redúcense moito despois do primeiro mes.

A competición nas librarías e nas redes é un dos puntos chaves na estratexia detrás da edición dun libro. Tanto Alonso como Calveiro promoveron o redeseño dalgunhas coleccións nas súas editoriais para adaptar aos cambios no público. Tamén teñen que ter en conta o algoritmo, a ferramenta que utilizan as plataformas para determinar que contido se visualiza moito ou pouco. Aquí teñen que ser aínda máis creativos. Esta ferramenta posiciona ao galego por detrás das outras linguas. Por exemplo, nun libro que publicará Galaxia no vindeiro outono están agora buscando un novo título porque había unha obra en castelán cun nome moi similar. De non cambiala, a obra galega nunca aparecería nas primeiras dez páxinas nunha busca en Google.

Tamén botan de menos máis apoio institucional, tanto a nivel de promoción lectora como de promoción internacional. Volven a incidir na necesidade da creación dun Instituto Rosalía de Castro, como o Cervantes en España ou o Ramón Llull en Cataluña, para a promoción das obras e tamén para fomentar a traducción a outros idiomas de creacións galegas. As críticas dos editores coa falta de aposta da Xunta pola promoción da literatura galega nas feiras internacionais, provocou que a Asociación Galega de Editores estea a acudir en solitario polas discrepancias estratéxicas co Goberno autonómico. Ademais, Fran Alonso incide en que este novo instituto debería chegar da man dun «ambicioso plan de lectura» para dinamizar todas as áreas do sector.

Teñen unha chea de exemplos para visibilizar os cambios que está a vivir o traballo de editor nos últimos anos. Libro electrónico ou libro en papel. Este debate leva tempo aberto. Había algúns que dicían que nestes anos os físicos xa case non existirían, pero non é así. De feito, continúan a venderse máis. En Xerais supoñen o 5 % das vendas, pero Alonso pensa que «van aumentar paulatinamente» de man das innovacións tecnolóxicas. Estas poden converter a lectura nunha experiencia máis inmersiva. «Algún día o libro electrónico vai acabar por impoñerse», aposta. Calveiro non opina o mesmo. «A tecnoloxía ten tanta potencia que non sabemos como vai evolucionar». Dependerá diso, pero o libro en papel sempre vai manter o seu espazo. Fran Alonso coincide con el de novo. «Só hai que ver como pasa agora cos vinilos na música. É o formato máis vendido».

Son tempos bos, pero tamén duros. Un pouco coma foi sempre. O futuro do mundo editorial galego vai ir da man das apostas de Xerais e Galaxia e tamén de novas editoras que están a aparecer na cidade como Triquela verde. «É un esforzo e un traballo que vale moito a pena», coinciden. «A nosa literatura defende e explica o lugar onde vivimos e a nivel creativo somos unha pasada», destaca Calveiro. «Somos toda unha potencia literaria».

«Somos toda unha fábrica de creatividade literaria»

Vigo é berce de moitos autores que están a revolucionar a literatura galega. Quizais, unha das máis relevantes é Ledicia Costas. Os seus libros son dos máis traducidos e xa ten varios recoñecementos no seu camiño, entre eles o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil. Ledicia coincide con Marcos Calveiro e Fran Alonso. Sabe «que somos unha potencia literaria» e destaca a Vigo coma a capital editorial de Galicia e fogar de moitos novos proxectos e creadores que están a demostrar o que valen.

Cando fala do estado de saúde do sector «nunca sei que contestar», pero «quero ser optimista». Recoñece que «é certo que sempre hai dificultades». Non o nega. Tamén sabe que a súa posición é afortunada no sector, pero o éxito «dalgunhas novas propostas e creacións que se están a dar nos últimos anos demostra que hai oportunidades e público». A súa experiencia «está a ser fantástica» e creo que en Galicia «somos toda unha fábrica de creatividade literaria» que, ademais, se nutre cunha rede «extraordinaria» de bibliotecas e colexios. A xira dos seus libros lévaa por todo o Estado e «en poucos sitios se traballa tan ben coma aquí». Pensa que este traballo é a semente de moitos grandes lectores do futuro. Para ela, ese ten que ser o camiño. Afrontar os retos aproveitando as oportunidades.

«Tampouco podemos negar que a profesión de escritor é precaria», conta Fran Fernández Davila, «un outsider» do sector. É enxeñeiro e comezou a escribir hai pouco máis de dez anos a través dun obradoiro de literatura. Hoxe xa gañou unha morea de premios literarios, entre eles o Premio de Narrativa Breve Repsol coa súa obra Groenlandia. A maioría dos creadores non chegan nin a cobrar seis horas por hora traballada nun libro que se publica. É de ciencias e demostráo con cifras. «Poñamos que un escritor tarda 750 horas en escribir un libro, o equivalente a 94 xornadas completas de traballo. No caso de vender 3.000 exemplares, cifras as que chegan moi poucos escritores galegos, a 15 euros, o autor recibiría por dereitos 4.500 euros. O que supón seis euros a hora. O salario mínimo é de oito. Isto provoca, non tanto para el que ten outra profesión, que gañar un premio literaria para un autor «sexa mercar tempo para seguir escribindo». Considera que en Galicia se debería tratar de lanzar algunhas bolsas para que algúns autores puideran crear sen preocuparse da precariedade.

Fran é vigués de nacemento, pero miñorán de adopción e destaca que unha das grandes potencias literarias de Galicia é O Val Miñor. «Nos últimos anos case cen premios literarios gañounos alguén de aquí. De seguir así pode haber unha xeración propia».