O Banco de Alimentos de Vigo busca 600 voluntarios para a súa segunda operación quilo do ano

La Voz

VIGO

A fundación busca axuda para a primeira fin de semana de maio, cando participará nunha campaña con Gadis

08 abr 2024 . Actualizado á 12:05 h.

600 persoas que teñan a primeira fin de semana de maio catro horas libres. Iso é o que buscan na fundación provincial do Banco de Alimentos de Vigo, que agarda desenvolver a súa segunda operación quilo a través da campaña Mayo Solidario. A iniciativa organízase conxuntamente con Gadis e ten lugar nos supermercados de toda a provincia. 

Aínda que a xente poderá doar ao longo de todo o mes, a fundación quere reforzar a campaña a primeira fin de semana, os días 3 e 4 de maio, coa presenza de voluntarios nos establecementos. Para poder participar só é necesario ter vontade e catro horas libres, así como darse de alta na web. Unha vez recibida a solicitude, o persoal do departamento contactará por teléfono para asignar quenda e supermercado. 

Os voluntarios participarán repartidos nos trinta locais de Gadis por Vigo, Pontevedra, Baiona, Mos, Ponteareas, Tui, Marín, Bueu, Cambados, Vilagarcía e Lalín. En concreto que se necesitan 300 voluntarios para Vigo, 75, en Pontevedra; 25, en Baiona; 25, en Mos; 25, en Ponteareas; 25, en Tui; 25, en Marín; 25, en Bueu; 25, en Cambados; 50, en Vilagarcía; e, 25, en Lalín.

Todos os interesados en doar poderán facelo con alimentos do local ou achegas económicas ao pasar por caixa. Gadis abrirá un saldo a favor da entidade para logo trocalo por produtos de primeira necesidade. Durante a campaña de maio do ano pasado recadáronse 42.000 quilos de alimentos, sumando as doazóns, a comida entregada e a achega da cadea de alimentación. 

A Fundación Provincial Banco de Alimentos repartiu máis de 1,9 millóns de quilos alimentos durante 2023. Con carácter apolítico e aconfesional, na actualidade atenden a máis 20.000 persoas en situación de vulnerabilidade da provincia a través de máis 150 ONG e entidades homologadas.