Dun desencanto a unha paixón

MÍRIAM VÁZQUEZ FRAGA VIGO / LA VOZ

VIGO

XOAN CARLOS GIL

Defraudado co fútbol, Xacobo Morais atopou o seu sitio no fútbol sala e concretamente, na Quinta de Tui

18 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Xacobo Morais Maceira (Tomiño, 1975) xogou desde cativo ao fútbol once como tantos nenos. Pasou por clubs como o da súa localidade natal, o Sárdoma ou o Celta, pero aos 18 anos, debido ás lesións e ao desencanto que lle acabara producindo ese deporte, deixouno. Daquela, xa probara o fútbol sala, que co tempo descubriría que si era o seu deporte. «Son de Tomiño, pero facemos unha vida próxima a Tui, onde hai moita tradición de fútbol sala. Había torneos de Nadal e verán e por medio deles é como empezo a xogar», introduce.

Pero foi a eses 18 anos cando «houbo unha persoa, Benjamín, que reactivou o fútbol sala federado», mirouno xogar e animouno a sumarse ao proxecto no Corredera. «Téñolle moito cariño. Fixo moito polo fútbol sala en Tui e con el metinme de cheo nese mundo, fixen torneos de alto nivel e competimos en boas categorías», lembra. Non oculta que estaba «frustrado» co fútbol e atopou outra alternativa que se adaptaba ás súas características. «Botei bastantes anos como federado, ata os 31 ou 32 xogando en Preferente», afonda.

O fútbol segue gustándolle como deporte, pero non para participar activamente dese mundo. «O fútbol sala ten moitas cousas que me gustan a nivel de trato de balón, moito máis técnico. É un deporte máis de equipo, con valores que me gustan moito máis», sinala. Percibe que no ámbito deportivo do que forma parte «importan máis as persoas que os resultados», aínda que tamén é consciente da influencia negativa, cada vez maior, «dun deporte universal sobre un minoritario».

Morais xa deixara de xogar cando A Quinta de Tui petou na súa porta. «Rigo, o presidente, ponse en contacto comigo para montar a base do club, que xa levaba tempo funcionando en sénior», conta. Coñecíao de ter xogado contra el e pola traxectoria que levaba xa daquela. «Sabía que era alguén en quen se podía confiar. Gustoume o proxecto, parecíame necesario», di sobre a escola que botou andar na tempada 2014/2015. Dos tres equipos cos que partiron foron medrando ata os 17 da actualidade.

Aquel foi o inicio da súa colaboración nunha entidade á que se acabou dedicando en exclusiva e onde fai de todo. Coordinador da base, tamén adestra de maneira simultánea a varios equipos. «Xa fora de fútbol e pasoume o mesmo que coma xogador. Non me gustaban certas cousas, pero sempre me gustou a idea de adestrar, estar cos rapaces e facer cousas con eles», sinala.

Atopou un deporte e un lugar onde facelo acorde ás súas ideas e valores. «Aquí o máis importante é a formación dos rapaces, o respecto por eles, que todos xoguen e non dar tanta relevancia aos resultados», di. Admite que o discurso é común á meirande parte das entidades deportivas, pero que son poucas as que logo o levan efectivamente á práctica. «Sabía que neste club si. Son dez anos xa con eles e a experiencia dáme a razón».

Ten dirixido conxuntos de todas as idades e adoita ser o que leva aos máis pequenos, a súa franxa predilecta por poder formar aos rapaces e compartir «unha etapa que van lembrar toda a vida» e na que crean vínculos co deporte. Pero tampouco lles fai ascos aos sénior, aínda que admite que as características con diferentes. «Agora levo infantís e cadetes, ademais de ser coordinador. Son a persoa que máis tempo leva e máis responsabilidade ten na área deportiva. Se marcha un adestrador e non temos a ninguén, cólloo eu», apunta. Levar varios conxuntos á vez non é doado, pero subliña que resulta «moi enriquecedor».

Dentro da directiva, conta que o presidente abarca a parte federativa; outra, a vertente económica e el está centrado na deportiva, aínda que todos botan unha man en todo o que se pode. «Encárgome de todo o que ten que ver co material, os temas de pavillóns, as relacións co Concello, cos pais, a busca de patrocinadores...», enumera. Pero insiste en que, como ocorre en calquera club humilde, todos fan de todo. E non oculta que o que prefire é adestrar: «Non é que as tarefas directivas me desgusten, pero si que che quitan tempo para o demais, para estar máis preto dos rapaces e dos demais adestradores».

Aínda que precisaría máis horas do día, saca partido ás que ten. Outro exemplo disto son os vídeos habituais nas redes sociais da Quinta de Tui, dando conta de como se desenvolven as xornadas competitivas ou das iniciativas que impulsan. «Foi idea de Javier, un dos directivos. Cría que necesitabamos máis visibilidade e tiña razón. A xente nova está nas redes, dálles unha importancia que non teñen para a xente da miña idade e é importante estar aí», valora. Celebra que a acollida foi moi boa e compensa o traballo adicional que dá facer estas pezas audiovisuais que desde fóra poden dar a impresión de ser sinxelas.

Xacobo reivindica que o papel das persoas que traballan no fútbol base «é importante para a sociedade e difícil» de sacar adiante sen máis apoios por parte das institucións e da propia sociedade. Lamenta que o deporte profesional centra toda a atención. Para el o fútbol sala é «un dos piares da súa vida» o e o que lle devolveu a ilusión polo deporte.