Suspenden o xuízo a dous directivos polo accidente dun peón de estiba do Porto de Vigo

E. V. Pita VIGO

VIGO

M.Moralejo

O accidentado sufriu lesións no brazo que lle impiden exercer o seu oficio

11 mares 2024 . Actualizado ás 11:31 h.

O Xulgado do Penal número 3 de Vigo suspendeu esta mañá un xuízo a dous directivos de empresas portuarias de Vigo polo accidente dun traballador de 56 anos que se caeu por unhas escaleiras cando limpaba unha canaleta e cortouse o brazo na véspera da Noiteboa do 2019. 

Os directivos acusados afrontan cada un un ano e dez meses de cárcere en total por un delito contra os dereitos dos traballadores e outro por lesións imprudentes. O xuízo xa se aprazou varias veces e agora posponse para o 3 de xullo.

Un dos acusados era, no momento do accidente, o responsable de seguridade da Compaña Estibadora Marítima S. Coop. Ltda. e presidente do seu consello reitor. O segundo acusado era o responsable de mantemento de Porto Vieira SLU. O lesionado traballaba de peón de carga e descarga para a Compaña Estibadora Marítima, onde levaba un mes contratado.

O accidente foi na mañá do 23 de decembro do 2019. Un dos directivos facilitou aos traballadores o material necesario para limpar unha escaleira extensible en mal estado, o que xerou, segundo a Fiscalía,  «unha situación de perigo» .

O fiscal recalca que este risco se viu incrementado por non dispor antes de comezar os traballos nin durante a súa realización dun procedemento seguro de ascenso e descenso pola escaleira, de carga e descarga dos materiais utilizados, nin por existir planificación nin supervisión dos traballos.

Durante toda esa mañá ambos os empregados estiveron a limpar as canaletas, polo que subiron e baixaron en distintas ocasións pola escaleira. Unha vez finalizaron, o afectado e un compañeiro deixaron os utensilios na zona e fóronse a comer. Ao regresar para recoller as ferramentas, o prexudicado baixou pola escaleira ata a canaleta. Nese momento, a escaleira perdeu o apoio e desprazouse lateralmente co traballador subido precipitándose ao chan. Ao caerse, o empregado tratou de agarrarse a outras partes da escaleira, o que, debido ao seu mal estado, provocoulle un corte no brazo.

O accidentado sufriu sección arteria humeral traumática, luxación aberta do cóbado, fractura con fragmento desprendido a nivel basee de primeiro metacarpiano dereito e lesión de Stene. O tratamento incluíu atención médica e cirúrxica. Pasou por catro intervencións e as secuelas impídenlle traballar. As empresas abonaron as indemnizacións.