«A prostitución é violencia machista, hai que condenar ós putañeiros»

Bibiana Villaverde
bibiana villaverde VIGO / LA VOZ

VIGO

Óscar Vázquez

Vén de recoller o premio Meninas tras máis de vinte anos de investigación. Pide prohibir o comercio cos corpos das mulleres e que se repare o dano con axudas para as vítimas

25 novs 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

«Para estas mulleres, o sexo é un deporte». Esta frase escoitouna Silvia Pérez (Zas, 1976) dun proxeneta ao que entrevistou durante varias horas nun restaurante de Lugo. Presentouse soa nun local que pecharon para esa conversa. A súa gravadora recolleu o relato do tratante de mulleres, «cabezas ou minas» no argot proxeneta. Pérez leva dúas décadas atendendo ás vítimas da explotación sexual na extinta asociación Alecrín e na Rede Galega contra a trata, unha experiencia de escoita que esta socióloga combinou cos seus coñecementos teóricos para escribir unha tese que lle valeu o premio do Ministerio de Igualdade ao mellor estudo sobre violencia de xénero publicado no ano 2018. Esta experta vén de recoller en Galicia o recoñecemento Menina por demostrar como a prostitución é unha forma máis de violencia contra as mulleres. Vai máis alá, pide unha política abolicionista e que se condene aos putañeiros.

Nun día no que os actos e as pancartas recordan ás vítimas inocentes, Silvia Pérez reivindica que hai moitas outras ás que non se lles dá a consideración de maltratadas. «Véndese a imaxe da puta feliz, que está encantada, pero aquí hai que aplicar o que se fixo contra a violencia de xénero. Si lle preguntamos hai trinta anos a unha muller maltratada pola relación co seu home recoñeceríase como vítima? Tería amparo da sociedade?». Ese camiño que se leva avanzado aínda está por percorrer na condena da prostitución: «É violencia machista e sexual», asegura. A experta defende que estas mulleres son máis vulnerables e están máis expostas que en calquera outra situación.

«Branquean os locais porque os clientes queren sentir que están nunha discoteca. Agora hai organizacións que aproveitan Internet para concertar citas nos pisos, incluso captan a nenas extorsionándoas con chantaxe tipo sexting». A aparencia muda, pero a realidade segue a ser, segundo esta experta, un relato «arrepiante». «Escoitar a esas mulleres que temos atendido supera a ficción, os relatos son tan bestiais que preferimos non contalos, para non estigmatizalas máis». Este maltrato tamén deixa secuelas. «O dano é proporcional ao tempo que as mulleres están nesta situación», asegura que a recuperación é posible, pero lenta.

O papel do Estado é fundamental segundo a experta para acabar cunha práctica na que non deixa espazo ao voluntarismo das propias mulleres. «Pódese renunciar á liberdade? Hai dereitos que non son opcionais», explica. Recoñece que hai mulleres que aceptan dedicarse a este negocio transitoriamente por necesidades económicas, pero contextualiza: «Poñen en pausa a súa liberdade, é o prezo que pagan por sobrevivir, pero fano sen saber o dano que lles vai supoñer». En España solo se penaliza a trata, pero Pérez asegura que os gobernos deben ser «máis valentes»: «Hai que sancionar aos putañeiros», asegura que permitir o comercio sexual é un crime machista de lesa humanidade. Este modelo funcionou en Suecia e a investigadora cre que se podería aplicar no sur de Europa.

«O Estado ten unha responsabilidade con estas mulleres, por mirar para outro lado. Algunhas non teñen a capacidade de denunciar, non coñecen nin o idioma ou non teñen recursos económicos para saír. Para dar o paso teñen que saber que van estar protexidas, teñen que ter reparación por parte do sistema e axudas». Na recollida do premio Menina que outorga a Delegación do Goberno en Galicia, Pérez reivindicou un código ético para os estamentos que traballan coas vítimas. «Hai unidades que están facendo un gran traballo investigando ás organizacións. Ás inspeccións nos locais non son o máis eficaz porque non é doado demostrar a violencia».

Ameazas e coaccións

Hai vinte anos que Silvia Pérez chegou a asociación Alecrín de axuda a mulleres maltratadas e en prostitución. Ela, natural de Zas, traballaba facendo estudios para a Asociación Galega de Artesáns en A Coruña cando se presentou a unha oferta de emprego na asociación feminista. «Prestabamos servizo dende a asistencia e a denuncia social, por iso recibimos ameazas de todos aos que incomodabamos e chegamos a pasar medo. Hai xa 15 anos que dende o Concello de Vigo se fixo unha campaña para penalizar ós puteros. Hoxe seguimos na mesma roda de muíño, pero agora somos máis denunciando». Alecrín pechou as súas portas no 2009 por falta de apoio económico.

A socióloga foi, tamén, cofundadora da Rede Galega Contra a Trata Sexual e traballou como consultora científica para as Administracións. Dende o seu traballo actual como investigadora e profesora da Universidade de Vigo, esta experta non renuncia a súa causa. «Estes premios dan folgos porque a loita continúa».

A súa canción favorita

«Alive», de Pearl Jam. «A canción fala de seguir con vida, mentres hai vida hai esperanza. A vida é o que nos une e o que nos fai loitar por mellorala. Gústame este tema dende os tempos da facultade e volvo a el de vez en cando porque me recorda que é o que nos move na vida, iso non hai que esquecelo nunca».