Falece Rosa Martínez, a líder da Radio Galega que cruzou da ría de Vigo ata a outra beira do Sar

Luis Calos Llera VIGO

VIGO

cedida

Foi pioneira e directora da radio pública de Galicia e faleceu esta fin de semana en Santiago

13 novs 2023 . Actualizado ás 19:21 h.

Apagouse a voz da líder da Radio Galega durante moitos anos. A capitá Rosa Martínez Rivada, nacida en Vigo en 1947 cruzou á outra beira do Sar en Santiago, cidade na que faleceu a fin de semana tras unha longa enfermidade. Levaba a radio no sangue e comezou a súa carreira profesional na súa cidade natal en Radio Noroeste. Cando a Radio Galega abriu a súa delegación en Vigo, Rosa Martínez comezou traballando desde a súa casa contando os conflitos do naval e a xestión de Manoel Soto, o alcalde socialista que puxo á cidade no mapa da Movida. Despois, Rosa abriu a sede que a radio tiña no centro da cidade á vez que exercía de correspondente para a Axencia Galega de Noticias. Alí estivo durante varios anos traballando de xeito conxunto con outra xornalista e poetisa lembrada, Begoña Caamaño, tamén falecida de forma prematura por enfermidade.

En 1995 foi nomeadas redactora xefa e no ano 2009 foi designada directora da Radio Galega ata o 2017, ano en que se xubilou. Rosa sempre tiña a amabilidade e o sorriso na boca a pesar de que a súa vida non foi doado no persoal e no profesional tivo que lidar con presións e momentos duros como a traxedia de Angrois, que ela lembraba recentemente como un dos momentos en que se sentiu máis orgullosa do seu persoal, que se bateu o cobre durante horas en directo no medio do horror do accidente ferroviario que tantos mortos e feridos causou. Foi a que ideou e puxo en marcha, xunto con Kiko Novoa, ao que lle encargou a condución, o magacín Galicia por diante, que é un dos programas emblemáticos da radio pública de Galicia e que máis oíntes achega á cadea pola súa proximidade a todos os recunchos de Galicia.

A súa profesionalidade e o seu bo facer levárona a manterse ao pé do canón despois da idade en que a maioría dos xornalistas xubílanse e así se mantivo dirixindo a emisora pública á que tanto defendeu ata que cumpriu 70 anos. Deixa atrás a familiares e unha chea de bos amigos que a lembran pola súa dispoñibilidade e afecto moito máis alá das ondas, das boas ondas que sempre xerou.