«A maioría de quen se suicidan queren morrer e queren vivir»

Ángel Paniagua Pérez
Anxo Paniagua VIGO / LA VOZ

VIGO

CAPOTILLO

José Rodríguez Otero, psicólogo da unidade de prevención de Vigo, desmonta que o 90 % padezan unha enfermidade mental

10 novs 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Os psicólogos galegos reúnense estes días en Nigrán, nunha xornada que organiza o colexio oficial para falar da morte. José Eduardo Rodríguez Otero, que traballa na unidade de prevención do suicidio do Álvaro Cunqueiro, aborda esta realidade a través dunha charla cun título curioso: Ás voltas co cuentakilómetros. Onde ninguén se fixa na prevención do suicidio.

—Que é iso do cuentakilómetros?

—Na facultade, na materia de terapia familiar, o profesor Emilio Gutiérrez preguntábanos que marca o velocímetro cando o coche vai marcha atrás. Ninguén o sabía, porque cando iamos cara atrás tiñamos que mirar cara atrás. El avogaba por fixarnos onde ninguén máis se fixa.

—Cal é o velocímetro no suicidio?

—A prevención.

—E por que ninguén se fixa?

—Case todos os artigos publicados empezan cunha frase que di que o 90 % de quen se suicidan teñen un trastorno mental. A mirada orixinal é buscar a referencia desa frase. De onde sae? Os estudos sempre citan outros estudos que dan ese dato, pero ningún vai á referencia orixinal. Se tiras moito do fío, ves que vén de dous estudos do 2003 e 2004 moi cuestionables, con fallos metodológicos.

—Por que?

—Utilizan unha técnica que é a autopsia psicolóxica: pregúntase a familiares, revísase o caso e chégase a un diagnóstico postmortem. Isto ten moito risco de sobrediagnóstico. Por exemplo, fan un control en xente que morre por calquera outra causa e din que entre o 27 e o 35 % das persoas tiñan un trastorno mental.

—Tanto?

—É demasiado. Segundo a OMS, a prevalencia do trastorno mental é do 12,5 % da poboación. Pero o dato do 90 % no suicidio repítese e repítese sen que ninguén o cuestione.

—E que lle di a súa experiencia? Fai tres anos abriron a unidade de prevención do suicidio.

—Hai moitas persoas que teñen un diagnóstico, pero o nuclear non é iso, senón a crise existencial. Prodúcese un malestar, un sufrimento e unha ambivalencia entre querer morrer e querer vivir. Isto pódeo provocar un agravamento do trastorno mental ou unha serie de acontecementos cotiáns. Se se quere, pódese pór un diagnóstico a todo, pero non é o importante.

—Pero o trastorno mental si aumenta o risco de suicidio.

—Evidentemente. E está estudado que o principal é o trastorno bipolar e despois o consumo de sustancias e a depresión. Non nego que teñan máis risco as persoas con trastornos mentais, pero si cuestiono o absolutismo, non é a única causa, non é tanto como se di.

—Se non é o 90 %, cal é unha proporción razoable?

—Nos estudos de autopsia psicolóxica, en torno ao 45 % das persoas que se suicidaron si tiñan un diagnóstico xa posto, e á outra metade púxoselle despois. Manéxase ese dato: o 45 ou 50 % teñen patoloxía mental.

—Cando alguén se suicida téndese a pensar que estaba deprimido... Non é tan así?

—Non. Ves a xente que gravara vídeos xogando ou facendo cousas normais, pero que ten unha crise.

—Entón, como se debe pór a mirada no cuentakilómetros do principio?

—Mirando como o paciente experimenta o sufrimento. Para que haxa unha idea suicida hai que estar a sufrir. Os ingleses din «Non pain, non suicide» [Sen dor, non hai suicidio]. O estado cognitivo máis habitual é a ambivalencia: pensar en morrerse e en vivir á vez.

—Quere dicir que o suicida non o ten claro?

—O de que o tiña clarísimo é un mito. Hai unha ambivalencia entre querer vivir e morrer que fluctúa mesmo no mesmo día. Nin sequera forman parte do mesmo continuo, senón que son continuos diferentes.

—E por que de súpeto un pesa máis que o outro?

—Seguramente, pola intensidade. Cando o sufrimento é moi agudo e desespera, non se ve saída e pasa por amais ; mesmo en persoas con estupendas razóns para vivir.

—Entón pódese previr?

—Si, e moito. Hai que estudar cada caso, porque ás veces a mellor medida antisuicidio é unha axuda social. O noso problema é a xente que non detectamos, porque o consegue á primeira ou porque non llo manifesta a ninguén. Pero na unidade estamos a conter a consumación de suicidios.

—A cantas persoas atenden na unidade de prevención?

—A unhas 80 ou 90 ao mesmo tempo, durante seis meses. Non podemos ter lista de espera, non podemos tardar tres meses en atender. 

—Atenderían a máis se tivesen máis medios?

—Si. Somos unha psiquiatra, dous enfermeiros e eu. 

—Levan só tres anos, pero xa se observa algunha tendencia?

—Hai unha tendencia clara na pospandemia a nivel galego, español e mundial, que son é o incremento nos suicidios e intentos en adolescentes e adultos novos, sobre todo mozas.