Carlos Núñez estrea un adianto do seu novo disco, que estreará en directo en Vigo en decembro

b.r. sotelino VIGO / LA VOZ

VIGO

cedida

«Mare Brittanicum» é un himno celta que lle encargou pola compaña Brittany Ferries para celebrar medio século e inclúese no seu álbum «Celtic Sexa», que se publicará o 17 de novembro

02 novs 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Carlos Núñez ten novo disco e o primeiro adianto do mesmo púxoo a disposición dos seus seguidores a través das redes sociais. «Hoxe, ano novo celta, estreamos con vosotr\s este adianto do novo disco Celtic Sexa, que se publicará o 17 de novembro. Aquí tedes un fragmento do himno que tiven a honra de compor para Brittany Ferries. O seu título é Mare Brittanicum. Un himno celta para celebrar os 50 anos da compaña fundada por agricultores bretóns que une os nosos finisterres atlánticos. Agardamos que vos guste!», explica nas súas contas de Facebook e Instagram.

Tras nove anos sen publicar disco novo (o último foi Inter- Celtic, no 2014), o público de Núñez recibiu con sorpresa e admiración o aperitivo do traballo que conterá composicións inéditas. O artista vigués que comezou a súa carreira discográfica hai 27 anos con , A irmandade das estrelasten unha ducia de traballos propios publicados e infinidade de colaboracións con artistas nacionais e internacionais, desde Ryuichi Sakamoto a Jackson Browne, Dulce Pontes, Sinéad O'Connor, The Waterboys, ou os seus padriños, The Chieftains.

Presentarao en Vigo

A finais do mes de decembro ten na súa axenda de actuacións previstas dúas citas consecutivas co público de Vigo no Teatro Afundación, onde estreará o seu novo traballo. Carlos Núñez tocará por primeira vez os temas de Celtic Sexa no teatro vigués e anunciou que será «toda unha festa intercelta na que participarán artistas dos principais países celtas». Ofrecerá dous concertos, o venres, 22 e o sábado, 23 de decembro, en ambos os casos ás 20.30 horas. Para os dous dous quedan poucas entradas á venda, que se despachan a través da plataforma Ataquilla desde 17 a 35 euros.

Como é tradición, finalizará o ano tocando no Palau da Música de Barcelona, para o que a penas quedan xa entradas dispoñibles.