A factura da auga encarece en Vigo para os fogares cun e dous habitantes

Ángel Paniagua Pérez
Ángel Paniagua VIGO / LA VOZ

VIGO

ANGEL MANSO

O Concello notificará a Aqualia onde hai menos de tres empadroados

25 oct 2023 . Actualizado á 00:28 h.

Ademais de subir os impostos locais, o goberno de Vigo aprobou un cambio máis complexo na tarifa da auga que vai penalizar aos fogares cunha ou dúas persoas empadroadas e tamén aos que non teñen ningunha. Nestes domicilios podíase consumir a mesma cantidade de auga que nas vivendas con tres persoas sen ningunha penalización. Xa non. O Concello modificou a ordenanza deste servizo e a partir de agora comunicará a Aqualia o número de habitantes que hai en cada fogar.

Isto é algo que xa se facía para os pisos de catro persoas ou máis. Pero os fogares con tres persoas ou menos quedaban fóra. Por defecto, considerábase que todas as vivendas tiñan tres habitantes. Se nun piso constaba un empadroado, o seu morador podía consumir tanta auga como nun fogar de tres persoas, sen ningunha penalización. A partir de agora, xa non.

A tarifa da auga divídese en catro tramos. A auga do primeiro tramo é máis barata que a do segundo, e así sucesivamente. No tramo máis baixo calcúlanse seis metros cúbicos cada dous meses por persoa (máis un mínimo nos fogares pequenos ou nos deshabitados, para uso xeral), o cal significa 100 litros ao día, un baremo que a Organización Mundial da Saúde considera adecuado para garantir as necesidades nutritivas e hixiénicas. A partir de aí, vaise encarecendo. Hai un segundo tramo con catro metros cúbicos máis por persoa, outro con outros dez e o último vai de aí en diante.

cedido

Pero para que isto funcione correctamente, é esencial coñecer cantas persoas residen en cada casa. Para isto utilízanse os datos do padrón municipal.

A tarifa non se toca para as familias a partir de tres membros. Isto fai que as vivendas cun só habitante son as que máis o vaian a notar, pois as de dúas pasarán do actual límite de 18 metros cúbicos dos primeiro tramos a 15. De feito, o propio Concello de Vigo aprobou unhas tarifas máis moderadas para o 2024, co obxectivo de que «non sufran unha variación significativa na extensión dos tramos de consumo fronte aos definidos con anterioridade», di o texto da nova ordenanza. Esa variación significativa xa se notará no 2025.

A ordenanza foi aprobada no pleno cos votos a favor do PSOE, a abstención do PP e a oposición do BNG.

O debate sobre o prezo da auga en Vigo é como mínimo tan antigo como a concesión a Aqualia —antes Seragua—, de 1991. Os prezos fixos para os clientes, consumir o que consuman, foron historicamente tan altos que nunca se garantiu que se pague exactamente polo que se consome. A Federación Veciñal chegou a levalo aos tribunais e despois desistiu do preito.

Os novos tramos tarifarios fan que o prezo sexa máis progresivo. Aínda así, un fogar cuxos billas non se abran nin unha soa vez en dous meses pagará 28,62 euros por este servizo, xa que a factura contén un tramo fixo e outro variable, e o fixo representa unha avultada parte do prezo final.

Segundo os informes técnicos do Concello, no ano 2022 recadáronse 41 millóns pola tarifa da auga, que inclúe o doméstico e o comercial. Coas modificacións previstas na nova ordenanza, o Concello estima 42,6 millóns o próximo ano.