Amarelle Academy, un referente do fútbol praia nunha Galicia emerxente

josema loureiro / p. a.

VIGO

CESAR QUIAN

Sen a existencia dunha liga autonómica, a escola impulsada polo que foi un dos mellores xogadores do mundo é a clave do crecemento desta disciplina

09 oct 2023 . Actualizado ás 23:25 h.

Galicia é terra de fútbol praia, e un dos maiores argumentos para afirmalo de modo rotundo é Ramiro Amarelle. O deportista coruñés, considerado o mellor xogador da historia do fútbol praia español e do mundo durante o seu tempo de actividade, fundou fai máis de tres lustros os primeiros cimentos do que hoxe é a Amarelle Academy.

«Da idea inicial dos campus, que Ramiro facía para adestrar a xogadores para a selección, xurdiu a idea de que fose a máis, formando unha escola, como ferramenta de crecemento e educación no deporte, que, ao mesmo tempo, permita que o fútbol praia se estableza», sinala Alberto Moscoso, encargado da academia. Doutra banda, Ramiro Amarelle, o seu fundador, declara que a meta principal da academia é continuar educando nesta disciplina: «Para min, o deporte é unha vía perfecta para instruír e formar persoas, e sempre foi así. Intentamos ser un estímulo positivo para a educación dos rapaces».

Por mor da creación da escola, xurdiu fai algo máis seis anos o equipo RA10 Amarelle Academy. Moscoso destaca que, desde o nacemento do equipo, os xogadores que chegaron establecéronse e creceron nas diferentes categorías: «Hai moitos mozos que se uniron en idades benxamín ou alevín e continúan connosco como xuvenís e séniores».

A creación do equipo foi un gran aliciente para os xogadores, que gozaban dos torneos internacionais. Desde o inicio, o RA10 Amarelle Academy adestra todas as semanas na praia de Sabón (Arteixo).

A pesar da forza do club e a academia, Moscoso apunta a que a situación dentro desta disciplina non é tan sinxela: «Á fin e ao cabo, nós somos a única escola por aquí e temos que quitarlle ao fútbol praia o estigma de que é só un deporte de verán. Necesitamos que desde a Federación Galega creen un plan de desenvolvemento, que leve consigo unha liga ou, na súa falta, fiestras durante o ano. É necesario un reclamo como ese».

A motivación de competir

Cabe resaltar que, na gran maioría dos casos e debido á falta de competicións reguladas, os xogadores compatibilizan a súa participación no equipo xunto con outros deportes, como o fútbol e o fútbol sala.

«É totalmente comprensible que decidan xogar tamén ao fútbol ou ao fútbol sala. Entendemos que se cansen de xogar sempre contra os mesmos, e por iso queremos que se aposte por unha liga regular», afirma Alberto Moscoso. Pola súa banda, Ramiro Amarelle destaca que, ao tratarse dun deporte estacional, a práctica de fútbol praia non debería chocar especialmente co fútbol ou o fútbol sala: «Durante o ano adestramos moito menos, porque as competicións son as que son, pero no verán a cousa cambia».

Así mesmo, desde o club valóranse moi positivamente as aparicións de moitos dos seus xogadores nos campionatos de España, que Galicia conquistou en categoría cadete. Ademais, o combinado autonómico acadou a terceira praza en infantil. «Se ves as convocatorias de Galicia, o 80 % son xogadores que forman parte dos nosos equipos», apuntan desde a academia.

Os obxectivos a futuro

Formar parte destes equipos inflúe en bo grao na motivación dos xogadores e do club como conxunto, segundo sinala Alberto Moscoso: «Para eles, ir a torneos fóra da Coruña é irse de viaxe cos seus colegas e gozar de xogar na praia mentres escoitan música nun ambiente festivo. Iso motívalles, e non só a eles, tamén aos mozos máis pequenos da academia, que os ven xogar. Neste sentido, cos éxitos, hai un pequeno bum inicial en termos de captación, pero é moi complicado mantelos no tempo pola falta de competicións».

Da man coa creación dunha competición, que o club considera clave para seguir evolucionando, as metas do RA10 Amarelle Academy pasan por seguir tratando de que máis nenos se sumen, e, do mesmo xeito, máis clubs aspiren a formar parte e participar diso. «A nosa premisa é seguir captando rapaces para poder seguir evolucionando. Sabemos que o fútbol praia ten potencial e queremos seguir demostrándoo», afirma Ramiro Amarelle.

Ademais, o club atópase actualmente traballando na idea de crear un equipo feminino, dadas as grandes referentes existentes no fútbol praia. «As nenas fíxanse moito en xogadoras como Andrea Mirón ou Carol González, que, ademais de galegas, son das mellores do mundo. O noso obxectivo é darlles unha estrutura paralela, á marxe dos mozos, para que o fútbol praia feminino e as xogadoras brillen como se merecen», destaca Moscoso.

«Nos últimos anos, o deporte feminino intentou arraigar cada vez máis, e o caso do fútbol praia non é diferente. Desde hai moito tempo temos interese en que máis nenas se animen a probar. É un proxecto que levamos pensando varios anos, pero que require establecer unha estrutura á altura, e iso esixe tempo», sinala Amarelle. «É fantástico que, por fin, a sociedade estea á altura e que o deporte feminino se normalice. Desde xa mesmo, temos que contribuír e construír entre todos para sacalo adiante. As nenas teñen espellos aos que mirarse no fútbol praia», destaca o fundador da academia.