A Comunidade de montes de Teis recoñece o labor de Greenpeace na xestión forestal da Madroa

La Voz VIGO / LA VOZ

VIGO

A oenegué leva vinte e cinco anos colaborando coa asociación forestal

09 oct 2023 . Actualizado á 05:00 h.

A organización ecoloxista Greenpeace recibiu o recoñecemento da Comunidade Veciñal de montes en Man Común de Teis durante a festa do vinte e cinco aniversario da asociación forestal, celebra no monte da Madroa. Os comuneiros quixeron agradecer a colaboración prestada pola oenegué no traballo de transformación dun espazo forestal degradado nun refuxio de biodiversidade.

«Síntome enxalzado e emocióname que os Comuneiros de Teis se sintan en débeda connosco e nos queiran dar as grazas. Pero o recoñecemento só pode ser mutuo. Para min, e para Greenpeace, o labor desta Comunidade é un exemplo a seguir e foi unha honra poder formar parte do proxecto», declarou Miguel Ángel Soto, responsable da campaña de bosques de Greenpeace.

A organización ecoloxista comezou a colaborar coa comunidade de montes de Teis en 1998, un ano despois de que Teis recuperase o réxime de propiedade comunal do monte. Esta colaboración formou parte do proxecto Botando Raíces (1), emprendido en 1997 pola campaña de bosques da organización, que tiña como obxectivo realizar experiencias demostrativas de reforestación.

A xornada festiva, que tivo lugar no monte comunal da Madroa, contou con actividades para todas as idades con xogos tradicionais, foliada, un concerto da banda do multifacético e comprometido Tonhito de Poi e a homenaxe a catro entidades que apoiaron o traballo da Comunidade durante este cuarto de século.