A homenaxe máis heavy ao Celta

b.r. sotelino VIGO / A VIGO

VIGO

cedida

O dúo vigués Dioivo publica o tema «Por cen anos máis» aproveitando o aniversario de Hermidita, lenda de club

23 sep 2023 . Actualizado ás 22:52 h.

«Logo dos verdadeiros temazos que están saíndo para celebrar o centenario do Celta, dende o oficial de C. Tangana ata os realizados por amigos como Jairo Daponte ou Xhamain, nós tamén quixemos facer a nosa homenaxe ao equipo da nosa cidade», explican con humildade os compoñentes do dúo vigués Dioivo formado no 2016 por Daniel Valladares Otero (batería) e Jacobo Mouriño Almeida (guitarra e voz).

Por 100 anos máis é título o novo sinxelo da formación metalera, unha canción dedicada ao Real Club Celta de Vigo e aos seus seguidores co gallo de o seu centenario. O tema xa está dispoñible para a súa escoita en todas as principais plataformas dixitais, e vén acompañado por un videoclip realizado polo colaborador habitual da banda, Brais Gómez Salvador. Nel, Dioivo repasa algúns dos fitos máis destacados da traxectoria do equipo celeste ao longo dos seus 100 anos de historia.

A parella musical entregada ao heavy metal extremo aproveitou a ocasión do aniversario dunha das lendas do celtismo Manuel Hermida Losada, Hermidita, para lanzar esta semana, «un día despois, ademáis, do 20 aniversario da estrea do Celta en Champions, fronte ao Brujas en 2003», explican.

«Anacos de historia azul»

O videoclip alterna, por unha banda, imaxes do grupo interpretando este tema con Vigo e a súa ría de fondo, pero gravadas desde a outra beira, en Liméns; e por outra, diversas fotos históricas do equipo local seguindo o fío da canción. A fundación do club a partir do Real Fortuna e o Vigo Sporting en 1923, o Trono azul que cantaba Sinistro Total, Hermidita, Pahíño, Gustavo López, Vladimir Gudelj, Aleksandr Mostovoi no partido contra o Manchester United en Old Trafford, Iago Aspas, a permanencia do 4%... «Todos estes anacos da historia do club e moitos máis aparecen referenciados na canción e no videoclip», explican os vigueses.

Brais Gómez Salvador, que dirixiu a peza audiovisual, realizou xa outros vídeos musicais con Dioivo, como Lobishomes (2019), Golpe por Golpe (2021), Retorno a Tagen Ata (2021) ou Cabeiros (2023). Todos eles se poden ver na canle de YouTube da banda, onde tamén está colgado Por 100 anos máis, que se pode descargar gratis en Bandcamp.

Dioivo está a presentar o seu novo álbum Cara os Ceios Incrementes, lanzado pola discográfica independente grega Sleaszy Rider Records. En breve comezarán unha pequena xira estatal para presentar o álbum, que lles servirá tamén para dar a coñecer o novo sinxelo. Entre as datas anunciadas destaca o festival Back to Napalm en Sarria ou a presentación do álbum no pub Transylvania de Vigo, o 23 de decembro xunto a Karracho e Mortal Maze.