Ainé abre o outono teatral cunha ficción do roubo do Códice Calixtino

La Voz

VIGO

cedida

Tito Asorey dirixe a Lucía Veiga, Marita Martínez, Graciela Carlos e Patricia Castrillón

04 sep 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

O Teatro Afundación de Vigo acollerá o próximo 9 de setembro ás 20.00 horas a representación de Códice K, da compaña Ainé, unha visión en clave de comedia do soado roubo do Códice Calixtino perpetrado en xullo de 2011. A obra, cuxas entradas están á venda en Ataquilla.com, narra os feitos desde unha perspectiva feminina, a das mulleres que rodearon a historia real.

Lucía Veiga, Marita Martínez, Graciela Carlos e Patricia Castrillón son as actrices protagonistas baixo a dirección de Tito Asorey, co asesoramento artístico de Noemí Rodríguez e texto de Manuel Cortés. En escena está presente tamén a dj e produtora Russ quen, convertida en anxo, encárgase da ambientación da obra e da música, un elemento fundamental na montaxe.

En Códice K non aparecen nin Manuel Fernández Castiñeiras, o electricista da catedral que perpetrou o roubo, nin o xuíz instrutor, nin a curia. A protagonista da obra é a inspectora que levou o caso, personaxe desde o que se vertebra toda a comedia.

Manuel Cortés expón no texto unha obra en clave de intriga, próxima ao puxante xénero televisivo coñecido como true crime, que se inspira en feitos reais para presentalos dun modo máis ou menos afastado delas segundo cada proposta.

O autor do texto explica que para construír este relato manexou moita documentación previamente, aínda que despois toda a trama fose desenvolvida desde a ficción.

As entradas pódense adquirir en ataquilla.com a partir de dez euros máis os gastos de xestión.

A programación escénica continuará o 30 de setembro con Sibaris, a única obra de teatro escrita por Domingo Viwwwllar, que se publicará póstumamente este outono, e que no escenario protagoniza Carlos Blanco .