Carlos Blanco protagoniza a única obra de teatro escrita por Domingo Villar

J.L. VIGO

VIGO

CEDIDA

A programación cultural de outono da obra social de Abanca abarca varias disciplinas artísticas

28 ago 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

O Teatro Afundación acollerá este outono unha ampla oferta de propostas culturais nas que o teatro, a musica e os espectáculos de maxia e entretemento protagonizan unha programación cuxas entradas están á venda en Ataquilla.com.

A actividade renovarase o 9 de setembro coa proposta teatral Códice K, unha comedia sobre o roubo do Códice Calixtino. A programación escénica continuará o 30 de setembro con Sibaris, a única obra de teatro escrita por Domingo Villar, que no escenario protagoniza Carlos Blanco . O 19 de outubro verase Equus, de Peter Shaffer, unha xoia da dramaturgia universal dirixida por Carolina África. A seguinte cita chegará o 25 de outubro con Miles Gloriosus, unha das obras máis coñecidas do dramaturgo latino Plauto adaptada por Antonio Prieto e protagonizada por Carlos

Sobera. O 21 de novembro chegará Un Óscar para Óscar, unha homenaxe ao estilo de Miguel Mihura combinado co espírito de Luis García Berlanga. A seguinte semana, o 29 de novembro chegará O libreiro de Azaña, de Miguel Murillo Gómez, dirixida por Francisco Suárez e protagonizada por Jacob Dicenta, Ana Fernández, Juanma Navas, Alberto Lucero e Isabel Moreno. O broche de ouro porao Lola Herrera con Adictos, unha obra dirixida por Magüi Mira.

As propostas musicais comezarán o 6 de outubro con Luz Casal, que regresa cun novo disco, As fiestras da miña alma, un recital que tamén dará ao día seguinte.

O 15 de outubro, a Asociación de Amigos da Ópera levará ao Teatro Afundación Il trovatore, de Giuseppe Verdi e o 18 de outubro iniciarase unha nova tempada de

Clásica coa Real Filharmonía de Galicia dirixida por Joana Carneiro. A tempada continuará o 23 de outubro coa o Ayre Español con obras de Purcell, Corelli, Domenico Gabrielli e John Blow. O 26 de outubro, Iván Martín dirixirá á Orquestra Sinfónica de Galicia. Baldur Bröniman dirixirá á Real Filharmonía de Galicia o 22 de novembro e Cristóbal Soler á Orquestra Sinfónica de Galicia o 21 de decembro, con Lorena Valero como solista-mezzosoprano.

O 5 de novembro, nova cita coa ópera, nesta ocasión Don Pasquale, de Donizetti, incluída nas propostas de programación de Amigos da Ópera. O 14 de novembro

se iniciará o ciclo Musicav, unha proposta musical que une jazz e música clásica e que abrirá Abe Rábade Trío e continuará ao día seguinte coa música apaixonada e os días 28 e 30 de novembro, con Blue Summit Quintet e A música e o cine. Rodrigo Cuevas presentará o 24 de novembro a súa nova xira A romaría e o 25 de novembro Óscar Rosende e a súa banda Great Straits farán un percorrido por todos os grandes éxitos compostos por Mark Knopfler.

O mes de decembro comezará coa presentación do primeiro disco de Xisco Feijoo,

Peixe, o venres 1. Ao día seguinte, o teatro acollerá A pantasma da ópera. Tributo musical, unha adaptación do mítico musical baseado na novela homónima de 1908. A programación musical inclúe tamén propostas da Sociedade Filarmónica de Vigo, a Coral Casabranca e a Orquestra Clásica e o concerto de Carlos Núñez, os días 22 e o 23 de decembro.

O ballet terá dúas citas, O lago dos cisnes o 17 de outubro, co Ballet de Kiev que volverá co Cascanueces o 12 de decembro.

Haberá espazo para a maxia, con Jorge Blass e o seu espectáculo Flipar, o 11 e o 12 de novembro e o 26 e 27 de decembro coa sétima edición do Galicia Magic Fest.